Publicador de contidos

Publicador de contidos

A borrasca Leonardo deixa unha falecida e 5300 incidencias en Andalucía

A borrasca Leonardo deixa unha falecida e 5300 incidencias en Andalucía

O corpo sen vida da muller de 45 anos que se lanzou a salvar o seu can no río Turvilla foi localizado este venres

Desaloxaron máis de 11 000 persoas e hai problemas de abastecemento de auga potable en varios municipios

Inundacións na provincia de Cádiz. EFE/Xunta de Andalucía Inundacións na provincia de Cádiz. EFE/Xunta de Andalucía
G24.gal 07/02/2026 09:25 Última actualización 07/02/2026 11:11

O paso da borrasca Leonardo pola comunidade andaluza deixa unha muller falecida, 11 000 persoas desaloxadas e 5310 incidencias.

Ademais, hai 85 estradas cortadas e problemas de abastecemento de auga potable en Málaga, Granada e Cádiz.

A vítima mortal que deixa este temporal é unha muller de 45 anos que se lanzou ao río Turvilla para tentar salvar o seu can na localidade malagueña de Sayalonga.

Os equipos de rescate localizaron o corpo este venres a uns 1000 metros do lugar onde se lle perdera a pista o pasado mércores. 

Ademais, na casa cultural de San Martín del Tesorillo (Cádiz) atendeuse unha muller enferma crónica e con patoloxías previas que sufriu unha parada cardiorrespiratoria e faleceu no lugar.

Operativo de busca da muller falecida en Sayalonga (Málaga). EFE/Jorge Zapata Operativo de busca da muller falecida en Sayalonga (Málaga). EFE/Jorge Zapata

Incidencias

Segundo o conselleiro da Presidencia, Interior, Diálogo Social e Simplificación Administrativa, Antonio Sanz, a maioría das incidencias concéntranse na provincia de Cádiz, con 1921 casos.

A continuación, sitúanse Xaén (1705), Sevilla (1651), Granada (1322), Málaga (965), Córdoba (870), Almería (663) e Huelva (412).

Doutra banda, continúan os problemas na rede de abastecemento de varios municipios malagueños, granadinos e gaditanos. Para garantir a subministración, van usar unhas máquinas que, mediante a captación da humidade atmosférica, producen auga potable.

Un equipo especializado en hidroxeoloxía, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), sumouse ao operativo da Axencia de Emerxencias de Andalucía (EMA).

Presta asesoramento científico-técnico fronte á situación na contorna e o chan de Grazalema e a serra de Ronda. Despois, sumarase o consello andaluz de Colexios Oficiais de Arquitectos para doptar medidas.

Os primeiros informes confirman algunhas incidencias de risco en Benaoján, uns datos que veñen ratificar a decisión xa tomada sobre o desaloxo preventivo deste municipio que se pechou en ausencia de incidencias salientables.

En total, máis de 11 000 persoas tiveron que abandonar as súas casas nas provincias de Cádiz, Córdoba, Xaén, Sevilla, Granada, Huelva e Málaga.

Vista de Huétor Tájar (Granada). EFE/ Miguel Ángel Molina Vista de Huétor Tájar (Granada). EFE/ Miguel Ángel Molina

Cortadas 85 estradas

En canto á rede de estradas, este venres a localidade de San Martín del Tesorillo (Cádiz) deixou de estar incomunicada tras a reapertura ao tráfico da estrada A-2101, principal vía de acceso ao municipio.

Do mesmo xeito, a A-2102 tamén está operativa, aínda que o seu uso queda restrinxido exclusivamente para vehículos de emerxencia.

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Tráfico mantén cortadas 85 estradas na rede viaria andaluza: 81 delas por mor das inundacións e dúas pola presenza de xeo e neve.

Cádiz é a provincia máis afectada, con 28 vías pechadas ao tráfico, seguida de Córdoba (19), Xaén (13), Sevilla (dez), Granada (nove) e Málaga (catro).

A estas hai que sumar dúas estradas máis en Serra Nevada (Granada) cortadas por xeo e neve, que son a A-395 (entre o quilómetro 32 e o 39) e a A-4025 (do quilómetro 0 ao 7,35).

Por este motivo, a EMA recomenda á cidadanía evitar desprazamentos innecesarios nas zonas afectadas e se é imprescindible viaxar informarse do estado das estradas antes de emprender a ruta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade