Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tempo de sulfatar as viñas na Ribeira Sacra

Tempo de sulfatar as viñas na Ribeira Sacra

Coa chegada da calor e coa humidade existente poden proliferar fungos coma o mildio

Félix Aragunde 07/05/2024 13:48

Coa chegada das altas temperaturas, os viticultores da Ribeira Sacra prepáranse para evitar que proliferen os fungos nunhas viñas onde aínda se concentra un elevado grao de humidade.

O mildio, a botrite, o black-rot ou o oídio poden ter efectos devastadores nas vides, polo que cómpre sulfatalas canto antes.

Polo seu efecto curativo nas cepas, os técnicos agrícolas recomendan aplicar fitosanitarios de tipo sistémico, que actúan en toda a planta. Pola contra, os funxicidas de contacto quedarían para máis adiante, por seren de carácter preventivo.

César Crespo, técnico agrícola e agrónomo: "Agora mesmo pode ser un bo momento para aplicar os sistémicos. Máis adiante viría ben un tratamento de contacto, sempre tendo en conta que é preferible previr que esperar a aparezan manchas avultadas nas follas".

Así e todo, convén ter presentes outros factores á hora de aplicar o tratamento máis axeitado para cada viña en cada ocasión. Con tal fin, dende o Consello Regulador contan con que os viticultores poidan dispoñer dunha aplicación móbil para a campaña vindeira.

Antonio Lombardía, presidente do Consellor Regulador da D.O. Ribeira Sacra: "O programa xa existe, pero estano validando esta campaña unha serie de técnicos de toda Galicia para que se poida poñer en funcionamento para o conxunto dos viticultores".

Trátase de Appfitovit, un proxecto desenvolvido pola Estación de Enoloxía e Viticultura de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade