Temperaturas por riba dos 30 graos no mes de outubro
O verán de San Miguel deixa oscilacións térmicas de 20 graos entre día e noite
A provincia de Ourense rexistra as mínimas e as máximas de Galicia
A golpe de domingo, nin o sol madruga en Ourense. A néboa fixo baixar o termómetro ata os 10 graos na cidade, pero as mínimas da provincia, e de Galicia, rexistráronse unha vez máis en Calvos de Randín, cero graos, Xinzo e Verín, que roldaron os 4 de madrugada.
O contraste térmico entre o día e a noite anda polos 20 graos, ata 25 nalgúns lugares, coma os nomeados Verín e Calvos. Estas temperaturas prolongan a sensación estival en plena estación da caída da folla.
En Ourense cidade, o termómetro subiu ata os 31,7 graos ás cinco e media da tarde, a temperatura máis alta de Galicia, e tamén subiron dos 30 en Vilamartín de Valdeorras e no concello lucense de Ribas de Sil.
Durante a tarde, veciños e visitantes reproduciron as estampas típicas do verán, tomando o sol á beira do río, mesmo bañándose, paseando pola sombra ou practicando o terraceo.