Publicador de contidos

Publicador de contidos

Temperaturas máis suaves e humidade melloran as condicións para a extinción

Temperaturas máis suaves e humidade melloran as condicións para a extinción

Máis de 30 graos de temperaturas, menos do 30 % de humidade e vento de máis de 30 km/h favorecen os incendios

G24.gal 20/08/2025 13:50

Con temperaturas algo máis suaves e a entrada de humidade na atmosfera melloran as condicións para a extinción, despois de xornadas complicadísimas. Máis de 30 graos de temperaturas, menos do 30 % de humidade e vento de máis de 30 km/h favorecen os incendios. E esas foron as condicións durante máis de dez días na zona afectada. Pero é que ademais, as propias dimensións do lume provocan modificacións locais no vento que axudaron a propagar as lapas.

"Tivemos moitos días de vento do sur moderado, con refachos fortes nas zonas altas. Pero os propios incendios cando son moi virulentos, localmente, crean correntes térmicas. Ese aire moi quente ascende e crea pirocúmulos que poden deixar descargas eléctricas ou tormentas secas", explica Joel Cid, de MeteoGalicia.

Desde a ponte de xullo, toda a primeira quincena de agosto as temperaturas foron moi altas en toda Galicia, coa provincia de Ourense por riba dos 35 graos e con días de máis de 40 nos vales do Miño e o Sil. O 10 de agosto rexistráronse 43 graos na estación que ten MeteoGalicia en San Clodio de Ribas de Sil, unha das temperaturas máis altas de España. Sufriron ademais unha enorme sequidade do aire. Na zona dos incendios, tanto no sur da provincia de Lugo como na de Ourense,  a humidade chegou a estar por baixo do 15 %.

A boa nova é que o vento virou a norte. E a masa de aire cálido que viña de África deixa agora paso a outra que arrefriou e limpou o fume, arrastrándoo cara a Portugal e a meseta. A calidade do aire, que levaba días con índices anormais de dióxido de carbono, mellorou por fin, e tamén as expectativas.

"De pasar de valores de menos do 20 % de humidade pasamos a valores de ata 100 % nas horas centrais do día. A partir do domingo todos os modelos coinciden en que entrará unha borrasca que, domingo e luns, vai deixar chuvia xeneralizadas en toda Galicia e que vai ser moi necesaria nesa zona onde temos aínda eses incendios activos", di Joel Cid, de MeteoGalicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade