Temor a que o exceso de choiva dane a campaña marisqueira en Noia
A intensa chuvia obrigou a abrir as comportas da presa sobre o río Tambre, o que agravou baixa salinidade da auga
A ameixa fina acada os 113 euros o quilo, e o berberecho págase entre 9 e 27 euros
Esta campaña está a rexistrar prezos históricos
Aínda coas comportas abertas desde a madrugada do martes, o encoro Barrié de la Maza está agora ao 77,6 por cento da súa capacidade, case 20 puntos máis que hai apenas dous días. E os efectos do conseguinte incremento do caudal do Tambre non só activaron a alerta por inundacións ao longo do curso fluvial; tamén espertou preocupación na súa desembocadura.
Estamos nun momento crucial da campaña de marisqueo, ás portas do Nadal, e a auga doce en exceso non casa ben nin con ameixa nin con berberecho.
Dino as propias mariscadoras e mariscadores, que xa viron máis bivalvos do normal "coa lingua fóra", e tamén desde a confraría de Noia. O seu secretario, Adelo Freire, explica que a campaña non foi boa porque xa empezou atrasada debido á presenza de toxina na ría. Ademais, pide a Naturgy, a empresa concesionaria do encoro Barrié de la Maza, que teña en conta as mareas cando abra as comportas, porque nesta ocasión a apertura se produciu coincidindo coa baixamar, o momento en que a auga doce pode ser máis prexudicial para a supervivencia do marisco.
Hoxe volve chover con intensidade, sobre mollado, e o procedemento de xestión de avenidas, segundo informa Naturgy, continúa aliviando a súa ocupación ata rebaixar o nivel de auga. Na ría, non todos chegan ao tope de capturas.
A boa noticia para eles son os prezos históricos que está rexistrando o produto en lonxa. Os datos que manexa a confraría cifran o prezo da ameixa fina de maior calidade en ata 113 euros o quilo, mentres que a máis pequena non baixo dos 48. A babosa supera os 30 euros, e o berberecho está entre os nove a 27 euros. Ademais, de aquí a fin de ano, non é probable que, se varían os prezos, o fagan á baixa.