Publicador de contidos

Publicador de contidos

Talgo anuncia que os trens Avril poderán circular en servizo comercial desde novembro

Talgo anuncia que os trens Avril poderán circular en servizo comercial desde novembro

"A homologación supón un reto para todos os actores do proceso", di a empresa fabricante, que destaca o innovadora que é a tecnoloxía destes ferrocarrís

A semana pasada, a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, fixaba para "outubro ou novembro" a chegada destes trens a Galicia

G24.gal 25/05/2023 16:08

Talgo anuncia que desde o próximo mes de novembro porá a disposición de Renfe as primeiras unidades do tren Avril, "listas xa para o seu uso comercial". Esa data de novembro, advirte nun comunicado de prensa, "alcanzarase sempre que os outros actores que participan neste proceso cumpran cos prazos que facilitaron a Talgo para alcanzar o devandito obxectivo e en virtude dos cales Talgo propón esta data".

Así, indica que a posta en servizo dos 30 trens de moi alta velocidade que forman a Serie 106 de Renfe será "gradual" e que así llo confirmou a dirección da compañía á operadora ferroviaria nunha reunión este mércores.

"O proceso de homologación de calquera tren é por definición complexo, pero no caso de novas tecnoloxías como as que equipan os Talgo Avril, a homologación supón un reto para todos os actores do proceso", engade.

Este proceso estivo rodeado de polémica debido a atrasos e a propia Renfe anunciou no seu día que estudaba impor penalizacións a Talgo por incumprimento de contrato. Pola súa banda, a Xunta reprochou ao Goberno central a tardanza.

E é que a chegada dos Avril para circular en Galicia e levar a alta velocidade ao resto de cidades galegas, a maiores de Ourense, estaba comprometida primeiro para primavera e despois para verán de 2022.

A semana pasada, a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, fixaba para "outubro ou novembro" a chegada dos trens Avril a Galicia.

Nova tecnoloxía

Estes trens son "completamente novos tecnicamente" e son capaces de circular a 360 quilómetros por hora en calquera ancho de vía, algo inédito no mundo que fai que "a súa certificación deba ser especialmente exhaustiva", lembra Talgo na nota emitida este xoves.

Segundo resalta, os trens Avril minimizan o consumo enerxético e multiplican a súa eficiencia. Ademais, están formados por 12 coches que ocupan 200 metros de lonxitude nun único piso á altura do anden, facilitando o acceso dos pasaxeiros.

Talgo destaca que os seus trens poden ser utilizados en toda a rede ferroviaria ibérica electrificada con catenaria, "achegando aínda máis aqueles destinos aos que aínda non se estendeu a nova rede ferroviaria de altas prestacións".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade