Susto por un incendio orixinado no barrio coruñés de Monte Alto
Non houbo feridos e as casas tampouco resultaron danadas
Pasaban poucos minutos das once da noite cando o lume sorprendía os veciños da travesía Colón, no barrio coruñés de Monte Alto. "A min fóiseme a luz e xa vin que me entraba claridade na casa. Saín á rúa en pixama. As lapas chegaban á miña porta".
Todos recoñecen que viviron momentos de moita angustia. "E medo...". "A min botáronme a porta abaixo porque crían que aínda estaba dentro. Como non contestaba...". "Había moita fumareda, moi lume... comezou a estourar todo... parecía que había petardos".
Eles mesmos foron quen alertaron ao 112. Intres despois xa estaban na zona dúas dotacións de bombeiros. "Viñeron os bombeiros e tamén a Policía Local. Os bombeiros moita auga empregaron. Sufocaron as lapas e limparon todo".
Con todo, din que estaban fartos de alertar desta situación que xa vían vir. "Eu chamei varias veces ao Concello, enviei fotos... e nada. Aquí viñan toxicómanos, remexían todo... e onte pasou o que xa sabiamos que ía acabar pasando".
Non houbo feridos e as casas tampouco quedaron danados malia que, nalgunhas, estiveron toda a noite sen luz. Esta mañá, operarios do Concello achegáronse ao lugar para repoñer o alumeado público que si resultou afectado.