Publicador de contidos

Publicador de contidos

Susana Rey: “As repercusións do illamento infantil veranse a longo prazo”

Susana Rey: “As repercusións do illamento infantil veranse a longo prazo”

A presidenta da Sociedade de Pediatría de Galicia considera "moi importante" cumprir coa vacinación do grupo de cinco a once anos

 

G24.gal 11/12/2021 10:13

A presidenta da Sociedade de Pediatría de Galicia, Susana Rey, asegura que a poboación infantil pasou a un segundo plano nos primeiros tempos da pandemia pola presión asistencial.

“Privámola de algo que é moi importante para ela, a convivencia cos seus iguais, e a longo prazo imos ir vendo as consecuencias deste illamento prolongado”.

Nunha entrevista no espazo Bos Días, da Televisión de Galicia, considera “moi importante” cumprir coa vacinación de menores de cinco a once anos porque “é unha medida de prevención” necesaria con vistas á inmunidade de rabaño. Neste sentido, lembra que representan un 10 % da poboación.

“Os nenos son un grupo neste momento de menor risco, salvo aqueles que teñen enfermidades previas, pero non podemos esquecer que teñen unha convivencia que é estreita todos os días nos centros escolares”.

Infeccións leves

As infeccións por covid na infancia adoitan ser leves e, de feito, só o 2 % dos que presentaron síntomas chegou a ingresar. Estes datos fixeron posible, segundo Susana Rey, “agardar ata este momento para conseguir primeiro a vacinación dos colectivos de maior risco, sobre todo, nunha poboación avellentada como a nosa”.

Na súa opinión, é importante comezar cos cativos de maior idade porque “son os que están máis expostos”. Porén, di que os beneficios da vacinación infantil non se van notar ata que non reciban as dúas doses.

A presidenta da Sociedade de Pediatría Galega lembra que a covid-19 é unha doenza máis que chegou para quedar pero, na actualidade, son "outros virus respiratorios os que causan a maioría dos ingresos” infantís.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade