Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dolly Parton, lendaria estrela da música country, morre aos 80 anos

Dolly Parton, lendaria estrela da música country, morre aos 80 anos

Foi unha das figuras máis importantes da música country e autora de éxitos como 'Jolene' e 'I Will Always Love You'

G24.gal 25/08/2026 20:32 Última actualización 26/08/2026 14:08

As bandeiras dos Estados Unidos onderarán a media hasta durante unha semana en todo o país, en sinal de dó pola morte de Dolly Parton. Así o decretou o presidente Donald Trump. Vítima dun cancro, Parton tiña 80 anos.

Trump deixouno claro nas súas redes sociais: “Nunca houbo, nin haberá” ninguén como a raíña do country. Na fragmentada América do Norte actual, poucas figuras poden provocar un pesar tan intenso entre conservadores e progresistas.

A cantante e compositora estadounidense Dolly Parton, unha das figuras máis importantes da música country e autora de éxitos como 'Jolene' e 'I Will Always Love You', morreu este martes aos 80 anos, informou o seu sobriño Bryan Seaver en Instagram.

"Unha vida brillante como un diamante que resplandeció para que o mundo a vise, Dolly sempre será unha inspiración non só pola súa música atemporal e a súa prolífica obra como compositora, senón tamén polo seu enxeño, calidez e bondade que nos fixeron sentir a todos como en familia", dixo Seaver nun comunicado oficial no que fala en nome da familia.

O seu falecemento prodúcese tres días despois de que asegurase nunha entrevista con People que seguía traballando a pesar de estar a lidar con algúns problemas de saúde e que lle quedaban moitas cousas por facer.

A artista anunciou que padecía de problemas de saúde no outono do pasado ano, meses despois de cancelar unha serie de concertos previstos para decembro no Caesars Palace de Las Vegas.

Os problemas de saúde tamén lle impediron participar na cerimonia de entrega dos Premios dos Gobernadores da Academia de Artes e Ciencias Cinematográficas.

A cuarta de doce irmáns, Dolly Rebecca Parton naceu en 1946 en Tennessee, no seo dunha familia moi pobre. Foi un talento musical precoz: escribiu a súa primeira canción aos seis anos, aos once gravou o seu primeiro disco. Xamais esqueceu as súas orixes humildes, plasmadas nesta canción sobre un abrigo de farrapos que lle fixo súa nai, e que provocou as burlas dos seus compañeiros de escola.

Compositora prolífica e cantante irrepetible, Dolly Parton vendeu máis de cen millóns de discos, gañou once premios Grammy e colocou 25 sinxelos no máis alto das listas. Tamén triunfou como actriz grazas a un carácter obstinado e a unha fe cristiá baseada na tolerancia, que se agochaban detrás dunha imaxe frívola só en aparencia. "Non me ofenden os chistes sobre louras parvas”, dixo unha vez, “porque sei moi ben que non son parva. En realidade, nin sequera son loura. Non vou limitar a miña vida só porque algúns non acepten o meu estilo."

Nacida o 16 de xaneiro de 1946, a súa popularidade emerxeu na década de 1970 con presenza en varios programas de televisión nos EUA, e lanzou algún dos seus éxitos de country máis soados como 'Jolene'.

Na década de 1980 protagonizou películas como '9 to 5' que lle valeu o nomeamento ao Globo de Ouro. Foi nesa época cando consolidou a súa transición da música country ao pop.

Máis aló do seu legado musical, a exuberante personalidade de Parton, coas súas perrucas louras e a súa icónica silueta convertérona en símbolo da cultura pop. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade