Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falece aos 90 anos Xosé Manuel Beiras, referente do nacionalismo galego

Falece aos 90 anos Xosé Manuel Beiras, referente do nacionalismo galego

O histórico dirixente nacionalista finou na súa casa de Brión, rodeado de familiares e amigos 

Repecto e pesar tras a desaparición dunha figura esencial da historia política de Galicia

Europa Press
G24.gal 08/10/2026 08:38 Última actualización 08/10/2026 14:43

Faleceu aos 90 anos Xosé Manuel Beiras Torrado, o gran referente do nacionalismo galego.

Fundador do BNG en 1982, conseguiu baixo o seu liderado situar a organización frontista como segunda forza política no Parlmaento galego en 2017, con 18 deputados.

Tras a súa saída do Bloque en 2012, fundou Anova, formación na que militou ata o final. En 2016, deixou a política activa, aínda que era habitual velo en actos culturais e políticos, como a homenaxe a Xosé Luís Méndez Ferrín en Padrón ou o pregón das festas do Apóstolo, en Santiago, en favor do pobo palestino.

Hai dous anos perdeu a súa compañeira, a pintora Aurichu Pereira. Este xoves faleceu rodeado dos seus na súa casa de Brión aos 90 anos. Marcha un referente fundamental do nacionalismo galego. Un símbolo político e tamén intelectual, do último medio século.

Beiras, un político brillante e un dos principais construtores do nacionalismo galego

Xosé Manuel Beiras Torrado naceu en Compostela o 7 de abril de 1936. Fillo do histórico galeguista Manuel Beiras, foi un neno e mozo da posguerra que acabará transcendendo as limitacións educativas do réxime franquista.

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago en 1957, realizou estudos de Ciencias Económicas en París e Reino Unido entre 1957 e 1965. Profesor de Economía Política na Facultade de Dereito de Santiago no curso 1965-66, en 1970 consegue por oposición a Cátedra de Estrutura Económica da Facultade de Ciencias Económicas de Santiago, da que foi decano en funcións durante as revoltas obreiras e estudantís de 1972.

A súa actividade política iniciouse en 1963, ano no que participou na fundación do Partido Socialista Galego (PSG), de cuxa executiva formou parte entre 1964 e 1970. Na primavera de 1982 participou activamente no proceso de constitución do BNG e foi en varias ocasións o seu candidato á Presidencia, entre os noventa e nos primeiros 2000.

Beiras convértese na referencia principal da oposición a Manuel Fraga e no Parlamento galego protagoniza un dos seus momentos máis mediáticos: o "zapatazo" en protesta polo intento de cambiar o Regulamento da Cámara.

En 2003, renuncia a ser o candidato á Xunta en favor de Anxo Quintana. En 2012, abandona o Bloque e participa na fundación de Anova. 

Nas eleccións de 2024, reconciliouse co BNG 12 anos despois da histórica fractura da Asemblea de Amio e participou en varios actos apoiando a candidatura de Ana Pontón.

Autor de numerosos libros e traballos económicos, Xosé Manuel Beiras está considerado como un dos máis brillantes economistas galegos das últimas décadas.

Entre as súas obras figuran O problema do desenvolvemento na Galicia rural (Premio de investigación da Casa de Galicia de Nova York en 1966), a súa máis coñecida obra O atraso económico de Galicia (1972) e Por unha Galicia liberada. É ademais coautor d'A Galicia rural na encrucillada (1976).

Entre os últimos publicados figuran Retratos en fite, Un socialismo propio: o cooperativismo no Beiras mozo, Prosas de combate e maldicer ou Nuredin o taxista e Amedine o pintor. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade