Sumar esixe un "reseteo" da lexislatura e un novo marco de relacións co PSOE
O que pasou é "absolutamente inaceptable", subliñou a vicepresidenta, que pediu ao PSOE unha reunión urxente para cambiar o rumbo da lexislatura

A vicepresidenta segunda do Goberno e líder de Sumar dentro do Executivo, Yolanda Díaz, esixiu ao seu socio socialista "un reseteo" da lexislatura, un novo marco de relacións "de igual a igual" co PSOE e un xiro de 180 graos nas políticas cara ao social.
"Non basta co perdón", avisou.
Unha advertencia que fixo Díaz nunha conferencia de prensa no Ministerio de Traballo despois da comparecencia do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para dar explicacións tras a dimisión do número dous do PSOE, Santos Cerdán pola súa presunta implicación no caso Koldo.
O que pasou é "absolutamente inaceptable", subliñou a vicepresidenta, que recoñeceu que non falou con Sánchez ao longo do día, pero si dixo que vai pedir xa mesmo ao PSOE unha reunión urxente da coalición de Goberno para cambiar o rumbo da lexislatura.
Subliñou que van seguir no Executivo ata 2027, que é cando tocarían novas eleccións, pero con estas condicións, que son "innegociables" para Sumar.
Insistiu en que o que transcendeu sobre o número dous do PSOE non se pode tolerar porque a corrupción "é un veleno que corroe ás institucións, é máis, é unha traizón á cidadanía".
Por iso, esixen saber ata onde chega esta trama de corrupción, demandando "transparencia e claridade" aos seus socios, repetiu Yolanda Díaz.