Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sumar e PSOE reúnense este mércores para avaliar a coalición polo caso Cerdán

Sumar e PSOE reúnense este mércores para avaliar a coalición polo caso Cerdán

Sumar quere establecer unha serie de medidas para asegurar que non se estenda a corrupción no PSOE

O Goberno admite que a imaxe de Cerdán en prisión é "desgarradora" e "decepcionante"

Feijóo inicia contactos cos socios do PSOE para explorar unha moción de censura

Arquivo/Eduardo Parra/Europa Press
G24.gal 01/07/2025 11:25 Última actualización 01/07/2025 22:18

Sumar e o PSOE reúnense este mércores para avaliar o estado da coalición logo da imputación do exsecretario de Organización socialista Santos Cerdán, que ingresou en prisión preventiva sen fianza pola suposta xestión de comisións no caso Koldo.

Fontes de Sumar informaron da reunión, que terá lugar o mércores sobre as 10 da mañá no Congreso dos Deputados e cuxos asistentes non serán nin Yolanda Díaz nin Pedro Sánchez.

En representación de Sumar asistirá o ministro de Cultura e portavoz do partido, Ernest Urtasun, entre outros, mentres que por parte do PSOE acudirán a vicepresidenta segunda do Goberno, María Jesús Montero, e o ministro da Presidencia e Xustiza, Félix Bolaños.

Sumar solicitou esta reunión hai unhas semanas, tras as últimas novidades do que cualifica xa como o caso de Santos Cerdán. Teñen previsto pedir ao PSOE medidas de rexeneración democrática entre outras cousas.

Unha das líderes do partido Movemento Sumar, Lara Hernández, mencionou o luns nunha conferencia de prensa medidas que exporían na reunión, como crear unha oficina anticorrupción e aprobar os permisos retribuídos da prestación universal por crianza.

A intención de Sumar é que os socialistas se comprometan a utilizar estas accións e que sexa Sánchez o que as presente o 9 de xullo no pleno do congreso onde falará da corrupción.

Sumar considera que as novidades sobre o caso Koldo sobre Cerdán son moi graves e pediu ao PSOE un restablecemento da lexislatura.

Díaz e Sánchez reuníronse o pasado 16 de xuño na Moncloa, onde ela lle esixiu acabar cos aforamentos e vetar as empresas que pagan comisións nas administracións públicas, ademais de garantías de que a corrupción non se estenderá no partido do presidente.

No encontro, ambos acordaron convocar a comisión de seguimento de coalición o 16 de maio de 2024, logo do período que tivo o presidente de reflexión polas dilixencias abertas contra a súa muller.

Así, o PSOE e Sumar acordaron crear un grupo de traballo acordado entre ámbalas dúas partes para desenvolver medidas de rexeneración democrática e comprometéronse a celebrar encontros cada dous meses.

Díaz é clara: o problema é de todo o país

Pola súa banda, Yolanda Díaz xa advertiu o martes de que a corrupción do caso Koldo é un problema do país. Díaz, subliñou que a situación é moi grave e ver a Cerdán entrar no cárcere é unha vergoña.

A vicepresidenta explicou que a corrupción cero é posible e que deben ter tolerancia cero con este tema. Engadiu que deben darse explicacións de maneira clara e rápida. 

O Goberno admite que a imaxe de Cerdán en prisión é "desgarradora" e "decepcionante"

A portavoz do Goberno, Pilar Alegría, admitiu este martes que a imaxe do exsecretario de Organización do PSOE Santos Cerdán entrando en prisión é "tan desgarradora como decepcionante", pero puntualizou que lles anima a seguir loitando contra a corrupción con "contundencia".

Alegría recoñeceu que esa imaxe era posible dado os "serios indicios" e os "feitos absolutamente bochornosos e terribles" que supostamente relacionan a Cerdán co caso Koldo.

Pero subliñou que isto confirma a determinación do Goberno en seguir traballando para combater a corrupción, seguir colaborando coa xustiza coa máxima transparencia e dando todas as explicacións que sexan oportunas. "Se algo demostramos desde o primeiro momento é que este Goberno ante a corrupción: absoluta contundencia", insistiu Alegría.

Ademais, a portavoz remarcou que o PSOE apoia calquera medida que favoreza a transparencia, sobre todo porque, salientou, "aquí non hai nada que esconder" e lembrou que o partido se somete a auditorías ademais do control do Tribunal de Contas e as súas finanzas están "absolutamente revisadas" e "non ten nin unha soa tacha".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade