Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feijóo inicia contactos cos socios do PSOE para explorar unha moción de censura

Feijóo inicia contactos cos socios do PSOE para explorar unha moción de censura

Considera insostible que Sánchez continúe como presidente tras a entrada en prisión do exsecretario de Organización do PSOE

Miguel Tellado chamará este martes todos os grupos parlamentarios excepto Bildu

JxCat empraza o PP a reunirse con Puigdemont en Waterloo e Tellado rexeita

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, e o portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado (Ricardo Rubio/Europa Press/Archivo)
G24.gal 01/07/2025 08:41 Última actualización 01/07/2025 14:44

O presidente do PP Alberto Núñez Feijóo pediu ao portavoz do partido no Congreso, Miguel Tellado, que chame os grupos parlamentarios para que digan se o seu apoio ao PSOE segue intacto tras o ingreso en prisión de Santos Cerdán.

Anunciouno o propio Feijóo nunha mensaxe na rede social X en que recalca que os socios de investidura de Pedro Sánchez son agora mesmo o único obstáculo para que os españois falen e se repare tanta decadencia.

"O seu número dous durmiu en prisión, pero Sánchez pretende seguir. É insostible", advirte o líder do PP un día despois da entrada en prisión do exsecretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán.

O maxistrado Leopoldo Puente atribúe a Cerdán un presunto papel nunha trama de repartición de comisións por supostas adxudicacións irregulares de obra pública, no marco das súas investigacións do caso Koldo.

A secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, subliñou este luns que Sánchez debe abandonar inmediatamente a Moncloa e fixo un chamamento aos socios de Goberno para que apoien unha eventual moción de censura impulsada por Alberto Núñez Feijóo. 

Gamarra considera que o encarceramento de Cerdán supón un "salto cualitativo" e di que é o momento de coñecer o que opinan aqueles que apoiaron este Goberno.

Fontes do PP precisaron que Tellado chamará este mesmo martes todos os grupos parlamentarios, excepto Bildu, pero non para pedir apoios, senón para escoitar e preguntar se manteñen o seu respaldo ao PSOE tras o "demoledor" auto do xuíz do Supremo.

JxCat empraza o PP a reunirse con Puigdemont en Waterloo

JxCat trasladou ao PP que as conversacións sobre o futuro da lexislatura se producen "fóra do Estado" e coa participación do presidente de Junts, Carles Puigdemont, que reside en Waterloo (Bélxica), o secretario xeral, Jordi Turull, e a portavoz no Congreso, Míriam Nogueras.

Ante a rolda de chamadas anunciada polo PP, Junts contestou que os populares "saben con quen deben telas", en referencia a Puigdemont, Turull e Nogueras, "e o lugar onde deben ocorrer, fóra do Estado por razóns sobradamente coñecidas".

"Non seremos menos esixentes co PP que co PSOE á hora de aceptar reunións por estes asuntos", recalcan as fontes da formación política.

JxCat atópase á espera de que o PSOE designe un novo interlocutor coa formación independentista para retomar as conversacións en Suíza, un rol que ata o de agora desempeñaba Cerdán.

Desde JxCat sinalaron este luns que o interlocutor debe ser alguén "que mande e poida facer cumprir os acordos" que eventualmente se alcancen coa formación independentista.

Tellado rexeita a reunión con Junts: "Non somos como o PSOE"

O portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado, descartou a idea proposta por Junts de reunirse Puigdemont en Waterloo como parte da rolda de contactos cos socios de Goberno..

Nunha conferencia de prensa no Congreso, o portavoz popular contestou cun non rotundo á posibilidade de que Feijóo se reúna co líder de Junts en Waterloo.

"Nós non imos facer o que a outros criticamos. Nós non somos como o Partido Socialista. Ninguén nos atopará aí. Se tivésemos tan poucos escrúpulos como o PSOE, Feijóo sería o presidente do Goberno de España despois das eleccións de xullo de 2023", afirmou.

ERC pecha a porta a apoiar unha posible moción de censura do PP

O portavoz de ERC no Congreso, Gabriel Rufián, pechou a porta para apoiar unha posible moción de censura presentada polo PP porque se o caso Koldo "escala" debe ser a xente quen decida o futuro do país e non un partido que "tivo, ten e terá" casos de corrupción.

Rufián respondeu así a Tellado, despois de que este contactase vía mensaxe para ver se a súa formación mantiña o apoio ao Goberno.

Segundo indicaron a EFE fontes da formación republicana, o portavoz de ERC trasladou a Tellado que hai pouco que falar.

"Se isto escala, debe ser a xente quen decida o futuro do país, e non un partido que tivo, ten e terá casos de corrupción, vía unha suposta moción de censura por unha suposta hixiene democrática que non exercen", contestou Rufián, quen puxo como exemplos a "Ayuso, Aldama e Mazón", por non falar de Vox "en toda esta ecuación".

O PNV agardará a comparecencia de Sánchez para "reflexionar e decidir no seu debido momento"

O presidente do PNV de Bizkaia, Iñigo Ansola, asegurou que a formación nacionalista está á espera de contar con máis información e de que Pedro Sánchez compareza no Congreso para "reflexionar e decidir no seu debido momento".

Ansola insistiu ademais en que non son verdade as afirmacións de Cerdán ante o Tribunal Supremo respecto dun posible labor de intermediación do empresario Antxon Alonso.

"Non é crible, é ridículo pensar que ao PNV ou ao PSOE lles fixera falta un intermediario, que ademais é empresario, para poñerse en contacto e ter comunicación. Non é crible. Santos Cerdán onte mentiu", reiterou en declaracións a Radio Popular.

Ansola advertiu que, coa información que se manexa na actualidade, están ante "persoas individuais que actuaron delituosamente" e subliñou que agardarán a comparecencia do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, no Congreso dos Deputados do próximo día 9 de xuño.

"Necesitamos de moita información e que dea as explicacións oportunas (...) Desde logo que se se demostrase que isto é algo estrutural, que afecta o Goberno ou ao PSOE estariamos ante outra situación", sostivo.

Ao seu xuízo, o feito de que Cerdán entrase en prisión ofrece "indicios moi preocupantes", de tal modo que o PNV está "á espera de máis información para reflexionar e decidir no seu debido momento".

Alegría di que o PP "fai augas" en candidato e programa para unha moción de censura

A ministra portavoz, Pilar Alegría, lembrou este martes que para propoñer unha moción de censura hai que presentar tanto un candidato como un programa político alternativo e opinou que "en ambas as cousas o Partido Popular fai augas".

Indicouno así a tamén ministra de Educación na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros ao ser preguntada pola rolda de contactos do PP cos grupos parlamentarios.

Unha rolda que Alegría di "xa empezou a celebrarse a semana pasada, cando o señor Feijóo se reuniu co señor Abascal"

"Descoñezo se ao resto dos grupos parlamentarios cos que empezou a falar durante estas horas lles contou esa conversación ou que acordos pecharon nese encontro", engadiu, antes de lembrar aos populares que teñen á súa disposición a "ferramenta democrática" da moción de censura. Para a cal, na súa opinión, o PP "fai augas" tanto en candidato como en programa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade