Rueda e o alcalde de Lugo acordan crear unha praia fluvial e un albergue de animais
No primeiro encontro institucional entre o presidente e Miguel Fernández repasaron os proxectos para a cidade nos que colaboran Xunta e Concello
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, avanzan na construción dunha praia fluvial e dunha protectora de animais na cidade. Son os acordos máis importantes da primeira reunión institucional do Rueda con Fernández, que tomou posesión do cargo a finais de marzo logo do falecemento da alcaldesa Paula Alvarellos.
Alfonso Rueda e o alcalde repasaron os proxectos en marcha e comprometidos para a cidade nos que colaboran Xunta e Concello. Acordaron asinar proximamente coa Deputación un protocolo para crear unha praia fluvial na zona dos Robles e un convenio para unha nova protectora de animais. Presidente e alcalde tamén se comprometeron a avanzar os trámites para o novo centro de saúde no Sagrado Corazón.
Na reunión, que se celebrou este martes na sede do Goberno autonómico en Santiago, tamén falaron do Plan Paradai, do Museo da Romanización, das alternativas para a rolda leste e aparcadoiros disuasorios, da construción de vivenda pública ou do sanemanento do rural. Tras o encontro o alcalde e o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, cualificaron a xuntanza de "cordial e construtiva".