Marcos Nogueiras, do BNG, novo alcalde de Vilar de Santos
É o terceiro rexedor no que vai de ano
Chega á alcaldía despois de que Rubén Colmenero, presentase a súa dimisión por motivos "persoais e urxentes" tras substituír no cargo en febreiro a Antonio Míguez
Vilar de Santos
O nacionalista Marcos Nogueiras xa é o novo alcalde da localidade ourensá de Vilar de Santos tras lograr o apoio da maioría da corporación municipal (seis edís do BNG e o voto en contra dunha concelleira do PP) no pleno de investidura celebrado este xoves no consistorio local. A remuda chega despois de que o pasado mes, o ata o de agora rexedor, Rubén Colmenero, presentase a súa dimisión por motivos "persoais e urxentes" tras substituír no cargo en febreiro a Antonio Míguez.
Nogueiras insistiu en que as prioridades pasan por "seguir sendo un concello dinámico e referente a nivel comarcal e do país". Nesta liña, destacou que chega á alcaldía "cunha chea de proxectos en mente" e rodeado dun "moi bo equipo", con xente "de moita capacidade e moitas ganas de traballar" para afrontar os retos do municipio.
O novo rexedor, enxeñeiro industrial de formación e que rexenta unha explotación agraria na localidade, subliñou que Vilar de Santos é un concello "referente" grazas tamén aos seus antecesores no cargo, co foco posto en "unha liña de progresismo, de nacionalismo e de mirar polos veciños para que siga crecendo".
Neste sentido, puxo en valor que o municipio ourensán está "na boa dirección", con índices positivos de poboación nova, un parque empresarial con numerosas empresas e traballadores e con diferentes iniciativas de benestar social.
Por todo iso, Marcos Nogueiras, que é tamén o responsable comarcal do BNG A Arnoia-A Limia, asegurou que o seu obxectivo agora é que Vilar de Santos "vaia cara adiante", e a maneira tena clara: "Traballo, traballo e traballo".
Ademais, no pleno de investidura celebrado este xoves tamén tomou posesión como novo edil da localidade Celso Feijóo Rivera, que entra tras a saída do exalcalde, que tamén deixou a corporación.