Publicador de contidos

Publicador de contidos

Fernández remodela o Goberno de Lugo ao incorporarse a substituta do falecido Permuy

Fernández remodela o Goberno de Lugo ao incorporarse a substituta do falecido Permuy

A nova concelleira, María Reigosa, encargarase de responsabilidades como a conservación e mellora das vías públicas e infraestruturas no rural, así como da dinamización sociocultural e atención ás necesidades das 54 parroquias

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, coa nova concelleira, María Reigosa O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, coa nova concelleira, María Reigosa
G24.gal 04/11/2025 15:29

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, asinou este martes o decreto de reorganización do goberno local, motivado pola incorporación da concelleira María Reigosa ao grupo municipal socialista, como substitución do falecido edil Pablo Permuy, co obxectivo de “reforzar a coordinación e a eficacia nas distintas áreas, adaptando as responsabilidades ao perfil técnico e á experiencia de cada concelleiro”.

Segundo informou o propio rexedor local, esta reestruturación responde “a unha liña continuísta”, de modo que se mantén “o esquema de funcionamento que o executivo vén aplicando con éxito desde o pasado mes de marzo”, cando Fernández asumiu o cargo.

Así, na nova estrutura, a área de Cohesión Territorial pasa a depender directamente da Alcaldía, aínda que o rexedor delegará a súa xestión na concelleira María Reigosa, quen se encargará de responsabilidades como a conservación e mellora das vías públicas e infraestruturas no rural, así como da dinamización sociocultural e atención ás necesidades das 54 parroquias.

O novo decreto tamén implica a división da área de Xestión Integral de Recursos Internos, Urbanismo, Deportes e Xuventude, dirixida ata o seu falecemento por Pablo Permuy.

Queda dividida a partir de agora en dúas áreas diferenciadas: Área de Xestión Integral de Recursos Internos, dirixida por Ana González Abelleira, que asume contratación, persoal, facenda e xestión económica; e a área de Urbanismo, Deportes e Xuventude, coordinada por Jorge Bustos, que continuará á fronte das políticas urbanísticas, deportivas e xuvenís do Concello.

O alcalde confirmou tamén a continuidade de Mauricio Repetto á fronte da área de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, mentres que a portavoz do goberno municipal seguirá sendo Ana González Abelleira.

A área de Cohesión Social, pola súa banda, seguirá dirixida por Olga López Racamonde, quen contará con dúas concellerías delegadas: a de Igualdade e Inclusión, baixo a responsabilidade de Ángeles Novo, e a de Movementos Migratorios, a cargo de Wadir Sinisterra.

O resto de áreas, as que dependen fundamentalmente do socio de goberno -o BNG-, manteñen a súa estrutura sen modificacións. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade