Publicador de contidos

Publicador de contidos

O TSXG exime a Vigo de pagar máis de 1,5 millóns á promotora do concerto de Guns N'Roses

O TSXG exime a Vigo de pagar máis de 1,5 millóns á promotora do concerto de Guns N'Roses

Na sentenza, explícase que a decisión do concello foi “correcta”, pois se Sweet participaba como única ofertante, “resultando inadmitida e debidamente excluída”, aseguran que “a única declaración posible que quedaba á Administración era a declaración de deserto do expediente”

O BNG asegura que a sentenza confirma negociacións irregulares e pide responsabilidades políticas

Imaxe do concerto de Guns N' Roses en Vigo Imaxe do concerto de Guns N' Roses en Vigo
G24.gal 03/11/2025 15:32 Última actualización 03/11/2025 18:37

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) revogou a sentenza que condenou ao Concello de Vigo a pagarlle á promotora Sweet Nocturna 1.563.000 euros (máis IVE e intereses) polo concerto que Guns N' Roses ofreceu no estadio municipal de Balaídos en xuño de 2023.

Desta forma, estimou o recurso de apelación interposto polo Concello contra a sentenza do Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Vigo, segundo a resolución facilitada este luns á prensa.

A Sala conclúe que o acordo que inadmitiu como licitadora á promotora no expediente de interese “foi motivado (non arbitrario) e axustado aos pregos, consentidos pola empresa ao presentar a súa oferta” e é, por tanto, conforme a dereito o acordo que declarou deserto o procedemento de licitación.

Na sentenza, explícase que a decisión é “correcta”, pois se Sweet participaba como única ofertante, “resultando inadmitida e debidamente excluída”, aseguran que “a única declaración posible que quedaba á Administración era a declaración de deserto do expediente”.

Na resolución, os xuíces advirten de que “se a empresa estaba en desacordo ou sufría dúbidas respecto diso da correcta descrición do obxecto e natureza do contrato licitado" tiña dúas opcións: "a de consulta/aclaración ou a de impugnar eses pregos formulando recurso fronte a eles”.

Con todo, subliñan que non fixo uso de ningunha delas, polo que “deixou que os pregos da contratación gañasen firmeza”.

O TSXG afirma que, “aínda asumindo que o Concello puidese merecer todos os reproches á súa actuación que contén a sentenza, e mesmo a evidente descoordinación entre os seus diversos departamentos antes e durante a tramitación do expediente de contratación”, a asunción, “sen obxeccións nin reservas, do contido dos pregos da contratación por parte de Sweet ao presentar a súa oferta unha vez iniciada a tramitación do expediente sobre licitación, impide alcanzar a solución da sentenza de instancia”.

No fallo, a Sala destaca que os tratos previos á contratación, como os que houbo entre o concello e a promotora, "non vinculan a Administración en materia de contratación pública” e afirma que a licitadora “non pode invocar a vulneración por parte do Concello dos principios de boa fe, seguridade xurídica ou da súa confianza lexítima”.

O tribunal subliña que, quen invoca tal aplicación, “debe partir dunha boa fe propia deducible do seu comportamento”, algo que asegura non se lle pode recoñecer á recorrente neste caso porque “voluntariamente aceptou participar no expediente de licitación, sen condicións nin reservas na súa aceptación dos pregos”.

No ditame tamén se declarou conforme a dereito o segundo dos acordos recorridos, de agosto de 2023, onde o Concello negoulle á empresa o pago pretendido (total do prezo do contrato licitado segundo os pregos) ante a “inexistencia de tal contrato”.

A sentenza do TSXG non é firme, pois cabe interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

PP e BNG coinciden en que a sentenza evidencia negociacións irregulares

Os grupos municipais da oposición en Vigo, PP e BNG, coinciden en que a sentenza confirma que houbo negociacións entre a administración local e a empresa fóra do procedemento de patrocinio.

O PP sinalou que o fallo “non nega as irregularidades do goberno local que se poñen de manifesto na sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo” e subliñou que o ditame, que aínda non é firme, “basease nunha cuestión formal e na inexistencia dun contrato entre as partes, pero ninguén dubida de que existía un acordo previo entre o goberno local e a promotora para a celebración do concerto”.

Segundo os populares, o TSXG mantén “todos os reproches á actuación” do goberno municipal recollidos na sentenza de primeira instancia e ratifica tamén a “evidente descoordinación entre os seus diversos departamentos antes e durante a tramitación do expediente de contratación”.

“Todo Vigo sabe que o alcalde anunciou un concerto apoiado polo Concello meses antes de sacar a concurso un contrato público para a celebración dese evento”, advertiu o PP, que engadiu que o propio goberno de Abel Caballero “derrubou ese concurso ao decatarse de que, de seguir adiante co procedemento, incorrería nun delito”.

Nun comunicado, o BNG sinalou que o fallo “non contradí a existencia de prácticas irregulares” nin o feito de que se produciron actuacións “á marxe do marco legal en materia de contratación pública” por parte do goberno local, xa que quedou acreditada unha “vida negocial previa” ao proceso de licitación.

Segundo o BNG, o TSXG reprocha á promotora non ter declarado a súa “participación directa ou indirecta” na preparación do procedemento de contratación. Para o grupo nacionalista, esta actuación é un exemplo de “chalaneo contractual” e da “mala xestión” do executivo que dirixe Abel Caballero.

Con todo, os nacionalistas celebraron que a sentenza exima ao Concello de pagar máis de 1,5 millóns de euros reclamados pola promotora, o que impide —afirmaron— “que a xestión irresponsable e irregular do goberno de Caballero lle custe aos vigueses case 2 millóns de euros de diñeiro público”.

O BNG subliñou que tanto esta sentenza como a de primeira instancia “amosan un comportamento inaceptable en termos éticos e de transparencia”. Por iso, reclamou que o goberno local asuma responsabilidades políticas e pediu o cesamento da concelleira Patricia Rodríguez, a quen atribúe a responsabilidade do “falso concurso público e da trama irregular” arredor do concerto.

Finalmente, o grupo nacionalista volveu demandar o reforzo dos mecanismos de control municipal sobre os contratos, a creación dunha Comisión de Vixilancia da Contratación, a aprobación dunha ordenanza municipal de transparencia e a posta en marcha dunha Oficina Municipal Anticorrupción.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade