Levantan os confinamentos en Monterrei; os incendios activos en Ourense superan as 20.000 hectáreas queimadas
Levantan os confinamentos en Monterrei; os incendios activos en Ourense superan as 20.000 hectáreas queimadas
Residentes de dous centros de maiores de Chandrexa de Queixa e A Mezquita tamén foron evacuados por precaución

As autoridades deron orde de levantar os confinamentos decretados en catro localidades do municipio de Monterrei despois de que os labores para facer cortalumes finalizasen con éxito.
O 112 Galicia informou este xoves de que finalizaron os confinamentos en Mixós, Estevesiños, Vences e A Pousa, polo que, sobre as 10:30 horas, non quedaba ninguén confinado na provincia de Ourense. "As medidas adoptadas polos efectivos de extinción (devasa) finalizaron con éxito", sinalou o 112.
Aos confinados ofrecéuselles un aloxamento alternativo no pavillón de deportes de Verín, onde se instalaron 50 camas, pero os veciños que aceptaron esta opción puideron volver ás súas casas durante a madrugada.
Onte á noite foron desaloxadas 27 persoas en Albarellos, outra localidade de Monterrei.
Á espera de coñecerse un balance dos danos, hai constancia a través de imaxes gravadas en algúns lugares de Monterrei, como en Caridade de que o incendio deixa casas queimadas e tamén vehículos.
Amais tamén se evacuaron 25 persoas con mobilidade reducida da residencia de Chandrexa de Queixa, que foron trasladadas a Ourense, e outras 47 foron evacuadas do centro de maiores da Mezquita, e acollidas no centro de Arnoia.
Nestes momentos os incendios activos na provincia de Ourense, que permanece en todo o seu territorio en situación 2 de emerxencia, superan as 20.000 hectáreas queimadas.
Segundo a última actualización de datos de Medio Rural, o incendio que se iniciou o martes na parroquia de Granxa, en Oímbra, e que saltou ao concello veciño de Monterrei, e que esta noite motivou evacuacións e confinamentos, afecta a unha superficie de 5.000 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 13 técnicos, 31 axentes, 48 brigadas, 35 motobombas, 2 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 8 avións. Mobilizáronse ademais efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Tamén chegou ás 5.000 hectáreas ardidas o incendio que o martes comezou na parroquia de Parafita, en Chandrexa de Queixa, e que tamén afecta o concello de Manzaneda.
Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 4 técnicos, 28 axentes, 33 brigadas, 19 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 4 avións. Tamén participan nas tarefas de extinción efectivos da UME.
O incendio iniciado o venres na parroquia de Requeixo, tamén en Chandrexa de Queixa, permanece sen cambios, pero non se dá por estabilizado, e afecta 4.500 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 16 técnicos, 62 axentes, 98 brigadas, 53 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros, 13 avións e efectivos da UME.
Tamén iniciado o martes o incendio que prendeu na parroquia de Esculqueira, na Mezquita, afecta arredor dunhas 4.000 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 2 técnicos, 18 axentes, 14 brigadas, 19 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 2 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros, 6 avións, efectivos da UME, e tamén colaboran medios terrestres portugueses.
O incendio iniciado na parroquia de Santiso, en Maceda, e que afecta tamén a Montederramo, afecta a unha superficie de 1.700 hectáreas. Mentres que os declarados este mércores en Vilar de Cervos, en Vilardevós, e en Seadur, en Larouco, alcanzan as 200 e as 150 hectáreas ardidas, repectivamente.
Están estabilizados os incendios de Dozón-O Castro (400 ha), Ourense-Seixalbo (100 ha), Maceda-Castro de Escuadro (450 ha), Vilariño de Conso-Mormentelos (180 ha), Montederramo-Paredes (120 ha) e Vilardevós-Moialde (40 ha).
Permanecen controlados Samos-Santalla (200 ha), A Fonsagrada-Monteseiro (150 ha), A Estrada-Souto (20 ha) e Verín-Mourazos (9 ha).