Identificados tres veciños de Verea por numerosos incendios neste municipio e en Quintela de Leirado
Identificados tres veciños de Verea por numerosos incendios neste municipio e en Quintela de Leirado
No que vai de campaña, a Policía Nacional leva 12 persoas detidas ou investigadas como presuntas autoras de incendios en Galicia
Investigación de incendios en Verea e Quintela de Leirado
En Ourense, tres veciños de Verea, foron identificados como os presuntos autores de numerosos incendios forestais neste municipio e en Quintela de Leirado.
Segundo informa a Xunta nun comunicado, axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), da Consellería do Medio Rural, e efectivos da Policía Autonómica na Ourense participaron nunha investigación conxunta que permitiu a identificación destes tres individuos por incendios intencionados na comarca de Terra de Celanova.
Tras activarse un dispositivo específico e a reconstrución dun dos incendios investigados, detectáronse elementos compatibles coa posible participación neste incendio dos ocupantes dun vehículo presente na zona. Os incendios estaban caracterizados pola súa proximidade espacial, reiteración temporal e similitude nos patróns de execución.
Un dos incendios que puxo sobre a pista os investigadores foi o que tivo lugar o 1 de abril no lugar de Bangueses, no concello de Verea.
Unha vez recompilados os distintos indicios e elementos probatorios, procedeuse á apertura do correspondente atestado policial e tomouse declaración a tres persoas en calidade de investigadas por varios incendios forestais intencionados nos municipios de Verea e Quintela de Leirado.
As dilixencias por estes feitos foron remitidas á sección de Instrución do Tribunal de Instancia en funcións de garda de Bande.
No que vai de campaña, a unidade da Policía Nacional adscrita a Galicia leva 12 persoas detidas ou investigadas como presuntas autoras de incendios forestais.