Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detido en Vilagarcía tras alardear de pertencer á ETA e ameazar con poñer unha bomba

Detido en Vilagarcía tras alardear de pertencer á ETA e ameazar con poñer unha bomba

O home protagonizou tamén altercados que incluíron agresións físicas e descualificacións de índole racista contra varios cidadáns

O home foi arrestado pola Policía Local
G24.gal 28/05/2026 15:34

A Policía Local de Vilagarcía de Arousa detivo un home que alardeou en plena rúa de pertencer á banda terrorista ETA e ameazou con colocar unha bomba nun bar.

O detido protagonizou, segundo os responsables policiais, unha sucesión de altercados na vía pública, que incluíron agresións físicas, ameazas de bomba e descualificacións de índole racista contra varios cidadáns.

Os feitos, indica o comunicado remitido, comezaron no parque da Xunqueira, onde o individuo –en estado de embriaguez- intentou agredir a varias persoas, pero ao chegar a patrulla policial este xa se marchara do lugar.

Pouco tempo despois, os axentes regresaron ao mesmo parque, onde o home dificultaba as tarefas dos operarios do servizo de limpeza e profería insultos racistas contra un cidadán. Aínda que os policías identificaron á vítima, manifestou a súa intención de non denunciarlle.

O percorrido do sospeitoso continuou cara á avenida Rodrigo de Mendoza, onde lanzou pedras contra os vehículos en circulación e cara aos operarios que traballaban nas obras de construción dun tanque de tormentas.

Un dos traballadores, de orixe subsahariana, recibiu o impacto leve dun cascote e foi obxecto de insultos racistas, e debido á agresividade da situación, os empregados paralizaron temporalmente os traballos e pecharon as instalacións da obra. A continuación o individuo trasladouse a un establecemento hostaleiro situado en Santa Eulalia, onde cuspiu a unha das clientas.

A última fase da intervención policial desencadeouse tras recibir múltiples chamadas telefónicas que alertaban dun home que gritaba na vía pública, afirmando pertencer á organización terrorista ETA e ameazando con colocar unha bomba.

As patrullas da Policía Local localizaron ao sospeitoso nas inmediacións dun bar da rúa Arcebispo Xelmírez, cuxa propietaria relatou que o home a ameazara a ela e á clientela que se atopaba no interior. Tras a detención por parte da Policía Local, a investigación por todos estes feitos quedou en mans de Policía Nacional. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade