O Congreso avala a reforma do copagamento farmacéutico con novos tramos e topes mensuais
O novo modelo eleva o número de tramos ata un total de seis para beneficiar as rendas medias e baixas, pero sen incrementar ningunha das achegas
O Congreso dos Deputados validou a reforma do sistema de copagamento farmacéutico para facelo máis proporcional aos ingresos e que introduce catro novos tramos de achega de rendas medias e baixas e topes mensuais progresivos na poboación activa para favorecer os que menos gañan e os polimedicados.
Por 164 votos a favor, 33 en contra de Vox e 149 abstencións do PP e Junts e ERC, o real decreto lei aprobado polo Goberno o pasado 12 de maio e publicado no BOE un día despois foi avalado polo Congreso, onde o defendeu a ministra de Sanidade, Mónica García.
A ministra valorou que o PP se abstivese, aínda que ironizou ao sinalar que "a sanidade e os pacientes sempre son un aglutinador das vontades políticas". Por iso dixo que sempre lle estrañou que a "extrema dereita" se opuxese a que haxa iniciativas na transformación do sistema sanitario e en medidas como esta para mellorar -dixo- "a xustiza e a transitoriedade do copagamento e facer que os pacientes paguen menos".
Porque do que se trata, segundo explicou nos corredores do Congreso, é de que os pacientes "paguen menos e que as administracións aforren cartos porque eses enfermos van poder retirar os seus medicamentos e vanse eliminar as barreiras económicas para que teñan unha adherencia terapéutica".
Tres novos tramos para persoas activas e os seus beneficiarios
Antes da reforma, os tramos de renda para o copagamento, que permaneceron invariables desde 2012, eran tres: rendas inferiores a 18.000 euros, que pagan o 40 %; as de 18.000 a 100.000, que aboan a metade; e máis de 100.000, que desembolsan o 60 %.
O novo modelo eleva o número de tramos ata un total de seis para beneficiar as rendas medias e baixas, pero sen incrementar ningunha das achegas.
Ademais, introduce por primeira vez máximos mensuais nas rendas inferiores aos 35.000 euros, que ata agora non dispoñían de límites específicos, para mitigar o impacto económico nas persoas con tratamentos prolongados e en polimedicados.
Os tramos e achegas para poboación activa do novo modelo, que se irá aplicando de forma progresiva xa que se terán que actualizar os sistemas de información cos datos fiscais consolidados, son os seguintes:
-Ata 9.000 euros e de 9.000 a 17.999 euros, que terán que contribuír co 40 % ata un máximo de 8,23 euros e 18,52 euros mensuais, respectivamente.
-As rendas de 18.000 a 34.999 euros e as de 35.000 a 59.999 euros, en cuxo caso pagarán o 45 %, pero as primeiras non superarán os 61,75 euros, mentres que para as segundas non hai tope.
-Un quinto tramo, o de 60.000 a 99.999 euros, aboará o 50 % da súa medicación, sen tope mensual, igual que o seguinte tramo.
-O sexto terá que pagar o 60 %.
Desta forma, segundo a ministra, unha persoa activa que teña un tratamento crónico, que necesite varios tratamentos simultáneos, que teña unha renda menor de 9.000 euros poderá aforrar 500 euros ao ano e unha cunha de 22.000, 460.
E un tramo máis para pensionistas
A reforma, segundo García, tamén mellora a protección dos pensionistas e corrixe algunhas distorsións xeradas no propio sistema, de tal forma que se pode garantir que quen percibe complementos a mínimos manteña automaticamente a exención farmacéutica.
A reforma establece catro tramos nos pensionistas: o de menos de 18.000, de 18.000 a 59.999 e de 60.000 a 99.999, que sufragarán o 10 % da medicación, ata un tope mensual de 8,23 euros, 13,37 euros e 18,52 euros, respectivamente.
Os que teñan pensións superiores aos 100.000 euros, a porcentaxe de copagamento mantense no 60 % ata un máximo de 61,75 euros ao mes.
Antes, os pensionistas compartían os mesmos tramos que os activos, cun 10 % de copagamento, aínda que no seu caso, con topes mensuais de 8,27, 18,52 e 61,75 euros en cada franxa, respectivamente.