A vaga de incendios en Ourense obriga a decretar o nivel 2 en toda a provincia
O incendio deixou catro bombeiros feridos, tres en Oímbra e un en Maceda, e calcinou o coche no que viaxaba a alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo
Evacuadas medio centenar de persoas maiores da residencia de A Mezquita e preparadas 200 prazas en residencias por se houbese que acoller outros maiores

A Xunta de Galicia decretou este luns a situación 2 como "medida preventiva" en toda a provincia de Ourense ante a evolución dos incendios.
Segundo din nun comunicado isto implica "que se axilizan todos os medios e recursos da comunidade e do resto de administracións para a provincia, amplíase o horario laboral e axilízanse os trámites coas administracións", especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Fernando Veiga, subdirector xeral de Extinción da Consellería de Medio Rural, explica que "esta situación anómala de incendios simultáneos vén derivada da seca, con chuvia por debaixo media últimos trinta anos" que se vén producindo na provincia de Ourense nos últimos dous meses.
A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, advertiu da "altísima actividade incendiaria" en Galicia, con preto de medio centenar de lumes por día, e a "clara intencionalidade" que hai na maior parte deles.
Gómez admitiu, en declaracións en Cambados, que a situación "é preocupante". Con todo, "dentro da preocupación", pediu "calma" e "atender" as indicacións das forzas de seguridade, á vez que destacou a "colaboración total entre todas as administracións".
Na súa intervención precisou que, mentres os lumes de finais de xullo debíanse a "causas agrícolas", como tarefas de roza, nas "dúas últimas semanas" percíbese "unha clara intencionalidade na maior parte" dos incendios.
Segundo os últimos datos actualizados por Medio Rural, hai nestes momentos varios incendios que permanecen activos na provincia e Ourense.
Tres bombeiros feridos en Oímbra, que chega ás 80 hectáreas queimadas
Dous bombeiros da brigada municipal de Oímbra resultaron feridos con prognóstico reservado tras sufrir queimaduras mentres traballaban na extinción do incendio que afecta este martes ao municipio ourensán. Foron trasladados ao hospital para recibir atención médica, segundo confirmou a alcaldesa, Ana Villarino.
Outro bombeiro quedou semiinconsciente e foi atendido no mesmo lugar por efectivos do 061.
O incendio, activo na parroquia da Granxa, queimou ata o momento 80 hectáreas, segundo as estimacións da Consellería do Medio Rural.
Desaloxos en Maceda e calcinado o coche no que viaxaba a alcaldesa para supervisar a extinción dun incendio de 500 hectáreas
No concello de Maceda, na parroquia de Santiso, o que arde desde esa noite pasada afecta xa a unhas 500 hectáreas. Durante a madrugada xa se decretara a situación 2 nesta área en concreto pola proximidade do lume aos lugares de Calveliño do Monte e Santiso. A alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo, confirmou que foi preciso desaloxar uns catro veciños no lugar de Calveliño do Monte.
Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 10 axentes, 14 brigadas, 6 motobombas, 3 pas, 4 técnicos, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 6 avións.
O coche no que viaxaba este martes a alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo, para supervisar os incendios que afectan o municipio quedou totalmente calcinado. A rexedora circulaba pola zona afectada acompañada de técnicos da Consellería do Medio Rural cando as lapas se descontrolaron durante a creación dunha devasa por varias brigadas.
En poucos minutos, o incendio rodeou o vehículo e acabou queimándoo por completo. Non houbo danos persoais e tanto a alcaldesa como un técnico da Xunta saíron polos seus propios medios.
Un dos bombeiros que traballaba nos labores de extinción resultou ferido por un golpe.
Chandrexa de Queixa, o maior incendio do verán con 3.500 hectáreas queimadas
En Chandrexa de Queixa, na parroquia de Requeixo, o incendio supera xa as 3.500 hectáreas queimadas, sendo o maior de todo o verán en Galicia, cunha superficie afectada que é superior a toda a ardida no ano 2024.
Neste incendio tamén se decretara previamente a situación 2 pola proximidade do lume aos núcleos de poboación de Requeixo, Vilar e Zamorela, e foi necesario desaloxar a cinco veciños de dúas vivendas no lugar da Senra durante a madrugada.
Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 15 técnicos, 58 axentes, 87 brigadas, 48 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 14 avións. Tamén se incorporaron ás tarefas de extinción efectivos da UME.
Tamén en Chandrexa, na parroquia de Parafita, hai outro foco que xa supera as 100 hectáreas.
Evacuadas 56 persoas maiores da residencia de A Mezquita polo incendio da Esculqueira, de 100 hectáreas
Medio cento de residentes do centro de maiores de San Martiño de A Mezquita foron evacuados este martes de forma preventiva polo incendio declarado ás 09:42 horas na parroquia de Esculqueira e que calcinou ata o momento unhas 100 hectáreas.
Segundo informou a Consellería de Política Social, 56 persoas foron trasladadas ao centro de saúde do municipio, á espera de poder regresar ao centro para pasar a noite, algo que dependerá da evolución da situación.
O operativo realizouse en coordinación co 061 e a Cruz Vermella, empregando ambulancias, microbuses e outros vehículos. Política Social indicou que, por se fose necesario, xa están mobilizadas máis de 200 prazas residenciais na provincia para acoller tanto a persoas dependentes desprazadas dos seus centros como a outras maiores que poidan ter que ser evacuadas dos seus domicilios pola proximidade das lapas.
Restablecido o tráfico na A-52 en Ourense
O tráfico na autovía A-52 está restablecido en ambos sentidos desde o km 160 en Cabreiroá (Ourense) ao km 175 en Penaverde, onde permaneceu cortado desde a tarde deste martes e ata entrada a madrugada.
Ao longo deste martes o lume obrigou a cortar tamén a autovía no quilómetro 120 entre O Pereiro e O Canizo en ambos sentidos.
Outros incendios
Amais tamén superan as 20 hectáreas un incendio na parroquia de Anfeoz, en Cartelle.
Déronse por estabilizados os incendios de Montederramo, na parroquia de Paredes, dunhas 120 hectáreas; o de Vilariño de Conso, na parroquia de Mormentelos, dunhas 180 hectáreas; o de Vilardevós, na parroquia de Moialde, dunhas 40 hectáreas, e o de Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro, dunhas 450 hectáreas.
Fóra da provincia de Ourense hai un incendio activo en Samos, na parroquia de Santalla, con arredor de 200 hectáreas queimadas.