Loita política sobre a posible suba das peaxes na AP-9 nun 9 % en 2023
O PP e o PSOE cruzan acusacións ante ese incremento das tarifas
Os transportistas e os usuarios da AP-9 están moi pendentes estes días da posible suba que podería experimentar esta autoestrada en 2023
Todo fai supoñer que o novo ano traerá unha suba no prezo das peaxes. A escalada da inflación e as condicións particulares da AP-9, que inclúen un incremento adicional do 1 % para compensar o custo da ampliación da ponte de Rande e a circunvalación de Santiago asumidas por Audasa, a concesionaria da autoestrada, fan pensar que podería chegar a un 9 %. A última palabra está no Ministerio de Transportes.
É dicir, os condutores e condutoras pasarían a pagar por usar esta infraestrutura de norte a sur, de Ferrol a Tui, máis de 25 euros cando arestora o seu prezo é de 23,5 e, por exemplo, de Vigo á Coruña achegaríase aos 20 euros.
A situación xa desatou unha guerra de reproches cruzados entre o PP e o PSdeG. A Xunta asegura que o Goberno "pode e debe" evitar a suba das peaxes, un incremento que cualifica de histórico. Insta a Administración central a tomar exemplo da Xunta, que decidiu conxelar as tarifas nas estradas de titularidade autonómica para 2023.
O PSdeG manifesta a súa "oposición frontal" á suba e reclámanlle tanto á Xunta coma ao propio Goberno que "actúen con toda a súa capacidade para evitarlles repercusións aos cidadáns". Dirixentes socialistas, ante as críticas dos populares, lembran que foi o PP, con Aznar como presidente, quen prorrogou a concesión da AP-9 ata 2048, prórroga sen a que a autoestrada galega "xa sería totalmente publica e gratuíta".
Desde o BNG cualifican de estafa redobrada ese posible incremento.
Conxelar as peaxes da AP-9 para non ter que facer fronte á suba, que o Goberno debería de pactar con Audasa, custaríalle ao Estado uns 15 millóns de euros.
Para os usuarios e usuarias desta autoestrada esta suba é un novo golpe para o peto dos consumidores. Moitos consideran que esta infraestrutura xa está amortizada e que dito incremento debería estar acompañado dunha suba dos salarios para poder afrontar a situación económica actual.