SOS Desaparecidos Galicia colabora na busca de 33 persoas
O 9 de marzo é o día das persoas desaparecidas sen causa aparente
O vindeiro xoves, 9 de marzo, é o día das persoas desaparecidas sen causa aparente. En Galicia, a asociación SOS Desaparecidos ten activados 33 casos a petición das familias.
Segundo os datos do Centro Nacional de Desaparecidos, que depende do Ministerio do Interior, hai máis de duascentas persoas que faltan da casa en Galicia sen motivo coñecido.
"Un nunca pensa que se vai ver nesa situación e pouco a pouco vas aprendendo a sobrevivir, máis que nada", asegura Wenceslao Yáñez, coordinador de SOS Desaparecidos en Galicia.
Wenceslao e a súa muller María José son unha desas familias que viven coa incerteza de non saber o que pasou. Seu fillo está desaparecido desde 2012. Por iso, coa súa experiencia, axuda a outras familias.
Agora os protocolos de busca mudaron. Hai que presentar denuncia ante a Garda Civil ou a Policía canto antes e achegar toda a información posible.
"Segundo recoñecen as forzas de seguridade do Estado e o Ministerio do Interior, non fai falla agardar 24 horas para presentar unha denuncia por desaparición. Sería contraditorio porque as primeiras 24 horas son vitais para localizar unha persoa. Pode ser unha persoa maior con demencia, alzhéimer... Canto antes se aplique o protocolo de busca, mellor".
O que non se debe facer é insistir coas chamadas ao teléfono móbil da persoa desaparecida.
"É moi importante que non se estea chamando constantemente a ese teléfono. Normalmente chamas, dá chamada, non contestan, volves chamar pero chega un momento que hai que parar porque podemos prexudicar a localización desa persoa. O teléfono pode quedar sen batería e non hai forma de xeolocalizalo".
No caso de que ese teléfono móbil quedara na casa ou se alguén o atopa, hai que entregárllelo ás forzas de seguridade sen manipulalo, xa que se pode bloquear e perder datos importantes.