A familia de Déborah Fernández pide que se remita o caso á UCO da Garda Civil
"Necesita unha nova mirada", asegura a súa irmá Rosa, "buscamos a verdade"
Deborah Fernández apareceu morta en abril de 2002 nunha cuneta do Rosal
A familia da viguesa Déborah Fernández-Cervera, desaparecida en abril de 2002 e cuxo corpo sen vida foi atopado días despois nunha cuneta do Rosal, solicitou ao xulgado de Tui que traslade as dilixencias, levadas a cabo no seu día pola Policía Nacional, á Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil.
"Este caso necesita unha nova mirada", afirma a irmá de Déborah, Rosa Fernández-Cervera. A familia solicita o traslado das dilixencias case dous anos despois de que o tribunal de instancia de Tui acordara o sobresemento e arquivo provisional do caso, ao non haber indicios suficientes contra o único investigado, o exmozo de Deborah.
"Hai loitas que non fan ruído, pero non se deteñen nunca. Durante meses -case un ano e medio- tivemos que parar", sinalou Rosa Fernández-Cervera, antes de volver lamentar que "o sistema" deixou a súa familia "na estacada, sen respostas e sen solucións". "E aínda así, aquí seguimos. En silencio, con discreción, sen rendernos", expón.
Rosa explicou que a familia pediu que se traslade a investigación a mans da UCO, "porque hai erros que non poden seguir marcando o destino da verdade. Non buscamos culpables á lixeira. Buscamos a verdade. Porque o arquivo dunha causa non pode ser o final cando quedan tantas preguntas abertas", incidiu. Porque, como ela mesma di, "Déborah merece xustiza, e a súa familia, tamén".