Publicador de contidos

Publicador de contidos

Son fiables as críticas na Internet? Pódense comprar e hai quen as usa como chantaxe

Son fiables as críticas na Internet? Pódense comprar e hai quen as usa como chantaxe

Existen empresas especializadas na publicación de opinións na rede

Hai clientes que esixen privilexios ameazando con deixar un comentario negativo

O Goberno quere cambiar a lei para loitar contra esta publicidade enganosa

 

G24.gal 20/05/2025 14:50

Por só tres euros pódense mercar comentarios positivos en Internet para un negocio. Hai empresas que comercian coas críticas, un elemento que se está facendo cada vez máis decisivo para a marcha dun establecemento.

Na Rede atopamos páxinas que ofrecen difundir recensións favorables e que se comprometen a eliminar as negativas. Do outro lado, existen clientes que ameazan con deixar opinións daniñas na rede se non lles dan privilexios nun local ou nun servizo.

É unha práctica moi prexudicial, e relativamente frecuente, en sectores como a hostalaría. Algunhas son críticas sen sentido, que non se ve o mar dende un hotel de Ourense, por exemplo, pero outras buscan un beneficio.

"Din cousas do tipo: 'Vouche pór un mal comentario se non me regalas o aparcadoiro, ou o almorzo ou se non me das unha suite'", conta Miguel Fernández, o director do hotel Axis de Vigo.

Como xa fixeron outros países, España quere cambiar a lei para loitar contra este tipo de publicidade enganosa. O Ministerio de Consumo propón prohibir a compravenda de recensións, obrigar a que se indique se unha crítica está verificada como real e darlles dereito ás empresas para eliminar as opinións falsas.

Google, que é a principal referencia na publicación e lectura de recensións, ten normas internas para supervisar os comentarios. Ademais, o  xigante de Internet asegura que conta con equipos que revisan as críticas sospeitosas e as eliminan se non cumpren as condicións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade