O parque inmobiliario en Galicia supera maioritariamente os 40 anos de antigüidade
Coa vivenda de nova construción inaccesible para boa parte da poboación, a compra de vivenda móvese cara ao mercado inmobiliario de segunda man
Coa vivenda de nova construción inaccesible para boa parte da poboación, a compra de vivenda móvese cara ao mercado inmobiliario de segunda man. Un parque que en Galicia está maioritariamente avellentado.
"Temos que pensar que a maioría das vivendas teñen unha antigüidade de 40 anos ou máis, que xa precisan unhas rehabilitacións completas non só das vivendas, senón tamén do edificio do que forman parte", afirma Emma Martínez, presidenta da Asociación Galega de Inmobiliarias Agalin.
Nesta empresa de renovación inmobiliaria non deixan de recibir consultas de persoas interesadas en reformar ou rehabilitar os inmobles recentemente adquiridos.
"Hai clientes que veñen só por tema de baños ou cociñas ou mirar solos; ás veces armarios, carpintería de aluminio; e outros veñen, a maior parte deles, por unha reforma totalmente integral", comenta Purificación González, propietaria da empresa de reformas ARUP da Coruña.
"Moitas veces as familias para poder acceder por primeira vez a esas vivendas, teñen que acceder ás de menor prezo e polo tanto fai falla unha rehabilitación. Dependendo dos anos que teña a vivenda esa rehabilitación ten que ser máis profunda ou pode ser un lavado de cara ou moitas veces poden entrar vivir nunha casa e ir facendo logo pequenos arranxos", explica a presidenta de Agalin.
Amais dos prezos, din desde o sector, que os prazos das reformas tamén están a condicionar o tipo de vivenda a mercar.