O Goberno creará un teléfono de balde, o 047, para consultas sobre vivenda
O anuncio fíxoo a ministra de Vivenda no Congreso e o número é en alusión ao artigo 47 da Constitución, que é o relativo á vivenda
A medida ten que recibir luz verde no Consello de Ministros
A ministra de Vivenda e Axenda Urbana anunciou que o Goberno poñerá en marcha un novo número telefónico gratuíto de atención á cidadanía sobre asuntos relacionados coa vivenda, o 047 (en alusión ao artigo 47 da Constitución).
Durante a súa comparecencia parlamentaria, explicou que este número curto, que espera aprobar no Consello de Ministros nas próximas semanas, permitirá ofrecer información veraz sobre a normativa aplicable en cada territorio e sobre os programas de axudas existentes.
A través do mesmo, insistiu, atenderanse as consultas vinculadas co acceso á vivenda e facilitarase que os cidadáns poidan defender mellor os seus dereitos en materia de vivenda.
O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana xa realizou a petición formal ao Ministerio de Transformación Dixital e da Función Pública para a asignación do 047. A chegada do 047 coincide co 47 aniversario do artigo 47 da Constitución, que recolle que todos os españois teñen dereito a unha vivenda digna e adecuada, e que, apuntou a ministra, mandata os poderes públicos a actuar para evitar a especulación.
A proposta será elevada para a súa aprobación polo Consello de Ministros nas próximas semanas, paso necesario para a súa posta en funcionamento.