Veciños do poboado de Belesar queren saber que pasará coas súas casas tras a venda a un grupo hoteleiro
Veciños do poboado de Belesar queren saber que pasará coas súas casas tras a venda a un grupo hoteleiro
Fenosa construíu o poboado hai 57 anos para os traballadores do encoro, e hoxe viven nel unha ducia de extraballadores e uns trinta van de vez en cando
Os veciños din que non lles comunicaron oficialmente a venda, pero hai uns días uns operarios trataron de cambiar as pechaduras dalgunhas casas
Con oito anos José Antonio chegou ao poboado de Belesar, seu pai xa vivía nel, os dous traballaron para Fenosa no encoro. Xunto a el outra ducia de extraballadores seguen vivindo no poboado e unha trintena van de vez en cando.
"Levo toda a vida vivindo aquí, xa con meus pais", di José Antonio García, veciño do poboado de Belesar.
"Viviamos aquí e pagabamos 84 pesetas", di Eladio Janeiro, tamén veciño do poboado.
O poboado construíuse hai 57 anos. Houbo unha época en que estaban ocupadas as 48 casas. Hoxe os poucos que quedan viven rodeados de maleza, sen iluminación pública nin auga da traída, pero queren seguir aquí.
"Temos un contrato de alugueiro que pagamos e é de por vida, somos practicamente os donos disto", di José Antonio.
Hai uns días transcendeu que Naturgy lle vendeu o complexo a un grupo hoteleiro para rehabilitalo, pero ninguén llelo comunicou.
"Non sei se se vende ou non", di Eladio, e José Antonio engade: "Estamos en ascuas porque non nos din nada".
O enfado foi a máis cando a semana pasada chegaron uns operarios coa orde de cambiar as pechaduras dalgunhas casas.
"Foi unha situación grave que puido acabar nunha lea", asegura José Antonio.
Reivindican os seus dereitos sobre as vivendas despois de décadas vivindo nelas.