Quedan sen Internet e sen teléfono en Arbo por un roubo de cable
Moitos optaron por usar o operador portugués para poder empregar o WhatsApp
Moitos veciños do centro de Arbo quedaron este martes sen teléfono e Internet durante toda a mañá. Inicialmente pensaron que se trataba dunha avaría ou dun incendio, pero axiña souberon que a causa foi un roubo de cable entre Salvaterra e As Neves.
Pasaron a maña sen servizo bancario, sen caixeiro, sen acceder a Internet e sen poder facer compras, pagamentos ou xestións no Concello, que tamén resultou afectado. Nin sequera algúns puideron ir ao centro de saúde e actualizar as medicacións e recollelas na farmacia. Algúns optaron por empregar as liñas telefónicas de Portugal, que si funcionaban.
A Garda Civil investiga a autoría do roubo, que podería ser obra dos grupos especializados en roubo de cobre e cable que operan na provincia.