Unha tenda galega de produtos de luxo en liña move un millón de euros ao ano
A firma vende bolsos, calzado e accesorios de gama alta de primeira e segunda man
Estrena tu bolso é unha empresa viguesa dedicada á venda de bolsos, calzado e complementos de luxo por Internet. A súa creadora é unha profesora de matemáticas que deixou de lado os números para acabar viaxando por Europa mercando produtos de gama alta e orixinais e ofrecérllelos aos seus clientes web ata a metade de prezo.
Paula Martínez chegou a este sector da venda de luxo en liña por casualidade, porque entón, en 2019, cando comezou este proxecto aínda era profesora de matemáticas nun instituto.
Como amante dos bolsos de marcas de luxo detectou na web a escaseza de lugares seguros para o comprador e cunha atención personalizada. Compra bolsos e complementos das grandes marcas en outlets europeos e ten un almacenamento de produto nas súas instalacións de Vigo.
A empresa move hoxe, ao ano, un millón de euros.
"A finalidade disto é que ti non te teñas que desprazar a Milán ou a Madrid a buscar ese bolso que desexas. Basicamente alimentámonos do que imos atopando nas tendas 'outlets'. Ao final, o que facemos é traer o produto, facer un proceso minucioso de selección para ofrecer a mellor calidade. E que cando che chegue o bolso á casa en 24 horas teñas a seguridade de que é un produto orixinal, de que é un produto novo, e de que non ten ningún defecto", conta á TVG Paula Martínez, a CEO da empresa.
Estrena tu bolso ofrece un certificado de marca orixinal e leva o produto á casa en 24 horas desde a compra. A cara B desta empresa é a venda de produtos de segunda man ou dos expositores e escaparates das tendas europeas que non teñen cabida na compañía.
"Calquera falta de cor, ou calquera roce na base por ter estado exposto... ao final e buscar darlle outra saída, esa moda circular e sostible neste tipo de artigos", engade.
Os produtos de luxo de primeira ou de segunda man poden adquirirse con descontos de ata a metade de prezo.