Soben a 14 os casos por varíola do mono en Galicia, dous máis que hai unha semana
Todos son homes e un deles tivo que ser hospitalizado
A Consellería de Sanidade di que o risco de infección na comunidade é "moi baixo"
Medrou o número de casos de varíola do mono en Galicia, pasou de 12 a 14 esta semana, segundo os datos facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.
Os afectados son todo homes, con idades comprendidas entre os 27 e os 65 anos, e a maioría deles, unha ducia, rexistráronse na provincia da Coruña, mentres que outros dous na de Pontevedra. En 12 dos casos a enfermidade contaxiouse por transmisión sexual, nos outros dous non se puido determinar a orixe e ademais dúas das persoas estaban vacinadas. Todos eles tiveron síntomas e un necesitou ser hospitalizado.
A Consellería de Sanidade informa de que en Galicia o risco xeral desta infección segue sendo "moi baixo" e lembra a importancia de seguir as recomendacións básicas de prevención e actuación no caso de presentar síntomas compatibles coa varíola do mono ou de ter contacto estreito cunha persoa diagnosticada. Lembra Sanidade que a vacina contra este virus está dispoñible en Galicia e pode ser unha ferramenta útil de prevención.