Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sito Miñanco ordenaba que non lle chamasen "xefe" porque son "seis anos máis" no cárcere

Sito Miñanco ordenaba que non lle chamasen "xefe" porque son "seis anos máis" no cárcere

O narcotraficante sentou este martes no banco xunto con outros 44 acusados

A Fiscalía pide 31 anos e seis meses de prisión polo intento de introdución en España de case catro toneladas de cocaína procedente de América do Sur, a ocultación de máis de once millóns de euros e o branqueo do diñeiro

Sito Miñanco chegando ao xulgado o pasado 18 de novembro/EP Sito Miñanco chegando ao xulgado o pasado 18 de novembro/EP
G24.gal 17/12/2024 14:06

A Audiencia Nacional celebrou este martes a décima xornada do xuízo de Sito Miñanco, José Ramón Prado Bugallo, para quen a Fiscalía pide 31 anos e seis meses de prisión polo intento de introdución en España de case catro toneladas de cocaína procedente de América do Sur, a ocultación de máis de once millóns de euros e o branqueo do diñeiro. No banco sentaron outros 44 acusados.

Testificaron un total de cinco axentes da Brigada Central de Estupefacientes e dos Grupos de Resposta Especial para o Crime Organizado (GRECO), encargados da investigación entre 2016 e 2018 cando Sito Miñanco residía en Alxeciras (Cádiz), onde estaba a rematar de cumprir en réxime aberto unha condena por outro caso de narcotráfico.

Miñanco foi abordado o 2 de outubro de 2017 en alta mar á altura das Azores polas Forzas de Seguridade dentro buque Thoran, en que ían ocultos 3.305 quilos de cocaína que a organización comprara a redes colombianas de narcotráfico, e posteriormente, o 9 de novembro seguinte, foron intervidos outros 615 quilos nunha nave en Países Baixos, introducidos nun contedor.

A fiscal preguntou a un dos axentes por unha conversación gravada nun vehículo o 3 de febreiro de 2018 entre Sito Miñanco e o considerado un dos seus homes de máxima confianza, Luis Enrique García Arango, dous días antes de que fosen detidos xunto con outros acusados na operación Mito.

 A testemuña afirma que nesa conversa gravada, Sito Miñanco afrima que "lle amola moito que o chamen 'xefe' porque iso son seis anos máis de condena". Outro axente relatou outra conversación gravada na que Miñanco, un día despois de que fose intervido o buque Thoran, afirma estar "desesperado porque se gastou 750.000 euros nun sistema de comunicacións e non logran contactar co barco". 

Tamén compareceu o inspector de Policía que instruíu as dilixencias da aprehensión o 2 de outubro de 2017 das máis de tres toneladas de cocaína atopadas no Thoran. Lembrou que a Policía Nacional recibiu o 22 de setembro anterior un aviso da Dirección Antinarcóticos de Colombia de que tiña información de que un barco podería cargar unha importante cantidade de cocaína na zona norte do país suramericano.

O inspector engadiu que cando abordaron o barco non atoparon a droga polo que o levaron ao porto de Cádiz para un rexistro no que se descubriu na cociña uns azulexos máis novos tras os cales había unha trapela. Ao abrila atoparon 165 fardos con vinte 'ladrillos' cada un de cocaína.

Tras a análise de dispositivos e documentación atopados no buque concluíuse que a mercadoría cargouse no norte de Venezuela e que o punto final de descarga era Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade