'Sirat', de Oliver Laxe, candidata española aos Óscar
A película ten por diante un longo camiño, no que deberá aínda pasar dúas peneiras para chegar a ser candidata na gala que se celebrará nos Ánxeles o próximo 15 de marzo
A Academia de Cine española elixiu Sirat, do director galego Oliver Laxe, como candidata española aos Óscar. A viaxe dun pai pola inmensidade do deserto marroquí para buscar a súa filla cruzará agora o océano para competir en Hollywood.
A película era a favorita nunha terna que tamén incluía Romería, de Carla Simón, e Sorda, de Eva Libertad. Finalmente os académicos decantáronse por Sirat, anunciou na sede da Acade, o director de cinema Pablo Berger.
A película de Oliver Laxe, a historia dun pai, a quen interpreta Sergi López, que busca a súa filla nas raves de Marrocos durante unha viaxe frenética pero cargada de simbolismo e introspección, estaba en todas as quinielas para ser unha das posibles candidatas aos Óscar este ano.
Para chegar a ser unha das finalistas na 98 edición da Gala dos premios da academia norteamericana, que se celebrará o 15 de marzo de 2026 nos Ánxeles, a película aínda deberá pasar un primeiro filtro (shortlist ou lista curta de quince títulos) o próximo decembro e un segundo en xaneiro, cando se anunciarán as cinco candidatas finais.
"Fixemos unha peli que acolle a moitos públicos diferentes", dicía Laxe en videoconferencia coa sede da Academia do Cine tras coñecerse a candidatura de 'Sirat'.
O director galego valoraba as posibilidades de que estea entre as finalistas ao Óscar e dicía que "hai nomes moi importantes aí, xente que repite, xente doutra xeración distinta á miña", en referencia aos filmes competidores, "pero creo que somos un pouco o tapado".
"Somos unha película que xa está empezando a facer moito ruído na prensa, e a xente á que lle gusta, adóraa. E agora a peli ten que medrar pouco a pouco, e temos que acompañala", dicía Laxe xa detallando o plan de promoción que lle agarda agora por diante nos próximos meses.
Entre as películas competidoras xa anunciadas hai títulos potentes como a alemá Sound of Falling, de Mascha Schilinski, coa que Sirat compartiu ex aequo o Premio do Xurado no Festival de Cannes en 2025, así como a norueguesa Sentimental Value, de Joachim Trier e a polaca Franz, de Agnieszka Holland.
Outras posibles contendentes son Calle Málaga, protagonizada por Carmen Maura e elixida por Marrocos, e La voz de Hind, por Tunes.