"Imos pelexalo": Oliver Laxe agradecido pola confianza que a Academia depositou en Sirat
A película deberá superar en decembro a lista curta e en xaneiro a selección final de cinco candidatas
O director galego ve o filme como unha proposta única e Almodóvar pide a mobilización do voto español
O cineasta galego recibiu a noticia con moita ledicia e agradecemento pola confianza que a Academia de Cine española depositou no seu traballo.
A 98 edición da gala dos Oscar celebrarase o 15 de marzo de 2026 en Los Ángeles (EUA). Para chegar ata aí, Sirat deberá superar dous filtros previos: a lista curta de quince títulos en decembro e a selección definitiva das cinco candidatas en xaneiro.
Entre as propostas xa anunciadas figuran filmes de gran peso como a alemá Sound of Falling, de Mascha Schilinski, coa que Sirat compartiu o Premio do Xurado en Cannes 2025; a norueguesa Sentimental Value, de Joachim Trier; e a polaca Franz, de Agnieszka Holland. Tamén optan a entrar na carreira Calle Málaga, protagonizada por Carmen Maura e seleccionada por Marrocos, e A voz de Hind, por Tunisia.
Laxe: "Imos pelexalo"
Oliver Laxe definiu a súa obra como un "bicho estraño, único e que esperta moitísimo á cinefilia e á profesión". Segundo explicou, tras Cannes hai catro películas con praza case asegurada entre as cinco finalistas, polo que "queda unha libre a ver se é a nosa".
Laxe subliñou que o conseguido xa é "incrible" e que a película "non deixa de medrar". Destacou a boa acollida no Festival de Toronto, na prensa estadounidense e no seu estreo en Francia, onde se sitúa entre as máis vistas en salas.
"Dinme que é unha das películas do ano ou mesmo a película do ano, que debería ter gañado a Palma de Ouro", afirmou, aínda que admitiu que non é un filme "de consenso, de Óscar", pero si unha obra que sorprende.
Almodóvar chama á mobilización do voto español
Os produtores de El Deseo, Agustín Almodóvar e Esther García, fixeron un chamamento aos máis de cen académicos españois con dereito a voto para que se inscriban e apoien Sirat na plataforma habilitada pola Academia de Hollywood.
O obxectivo é sumar tamén apoios doutros países e conseguir o maior número de votos posibles.