Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xavi Font, produtor de 'Sirat': "As cinco precandidaturas aos Óscar permítennos soñar"

Xavi Font, produtor de 'Sirat': "As cinco precandidaturas aos Óscar permítennos soñar"

O filme de Oliver Laxe fai historia tras conseguir ser preseleccionada nas categorías de mellor película internacional, banda sonora, fotografía, son e casting

Font afirma que están preparados para darlle "toda a visibilidade" que podan nos Estados Unidos antes do 22 de xaneiro
 

O produtor de 'Sirat', Xavi Font, este venres nunha entrevista no 'Bos días' da TVG
G24.gal 19/12/2025 11:16

Entre a "maxia e a incredulidade" vive o equipo de Sirat a decisión da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de Hollywood de incluír este filme entre os 15 seleccionados para optar á mellor película internacional na vindeira edición dos Óscar, que se celebrará nos Ánxeles o vindeiro 15 de marzo.

A película de Oliver Laxe podería competir tamén noutras catro categorías: mellor banda sonora orixinal, mellor son, mellor fotografía e a mellor casting. O próximo 22 de xaneiro anunciaranse os cinco finalistas. Ata entón, o equipo está centrado na promoción da película nos Estados Unidos.

Nunha entrevista no Bos días, o produtor, Xavi Font, amosouse emocionado: "É maxia. Non podiamos agardar cinco candidaturas. Hai poucos precedentes no mundo, e en España, ningún", sinalou. Segundo explicou, o ocorrido permite ao equipo "soñar".

"Agora vén a parte máis forte, é un sacrificio que paga a pena"

Tras o recoñecemento en Cannes e a preselección para os Óscar, a estratexia céntrase agora en gañar visibilidade en Hollywood. "Agora vén a parte máis forte", explica o produtor. "A distribuidora americana entendeu que era o momento de ir por todas".

A partir do 3 de xaneiro, o equipo iniciará unha xira promocional por Londres, Os Ánxeles e Nova York. Esta despregadura é posible grazas, dixo, ao apoio da Xunta, a Generalitat e o Goberno central, fundamentais para facer fronte aos gastos de xestión.

O filme vaise estrear en 83 países tras o éxito rotundo acadado nas salas españolas e francesas. Aquí vendéronse ata 500.000 entradas e arredor de 700.000 no país galo. Para Font, o valor do filme reside en que é capaz de atraer o grande público malia tratarse dunha proposta "xenuína e non comercial".

O produtor recoñece que a carreira cara ao 22 de xaneiro esixe sacrificios persoais. "As miñas fillas non terán ao seu pai para Reis, pero é un sacrificio que paga a pena", chancea.

Font agradece o apoio e complicidade da industria audiovisual e da sociedade española en xeral para que Sirat acade o soño de regresar dos Ánxeles con algunha das cobizadas estatuíñas douradas debaixo do brazo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade