Conta atrás para unha gala dos Óscar cargada de suspense
Sirât enfróntase a rivais moi fortes nas dúas categorías ás que aspira a premio
Sirât ten xa gañada a vitoria de posicionar a España e a Galicia nos Óscar
Sirât ten xa gañada a vitoria de posicionar a España e a Galicia nos Óscar. Pero non está fácil a súa loita polas estatuíñas. Enfróntase a rivais moi fortes nas dúas categorías polas que aspira a premio.
Na de Mellor Película Internacional, a norueguesa Valor sentimental lidera as apostas, seguida da brasileira O axente secreto.
No apartado de Mellor Son compite, entre outras, coas dúas películas que se xogan máis galardóns nesta gala: Unha batalla tras outra e Os pecadores.
En todo caso, a candidatura de Sirât a mellor son é de por si un fito. As tres mulleres responsables do son da película de Oliver Laxe son o primeiro equipo enteiramente feminino que aspira a esta distinción na historia dos Óscar.
Os expertos afirman que está 98 edición dos premios máis importantes do cine está inusualmente aberta e cargada de suspense, coa sensación de case calquera resultado é posible.
As películas favoritas, por acumular mais candidaturas, son, como xa dixemos, Unha batalla tras outra, con opcións a 16 premios, e Os pecadores, que aspira a 13. Cal sairá finalmente máis laureada é unha incognita.
Tampouco está claro o premio ao Mellor Actor. Wagner Moura busca facer historia para o Brasil polo seu papel en O axente secreto. Pero a competencia é forte, con por exemplo Timothée Chalamet, por Marty Supreme, ou Michael B. Jordan por Os pecadores, tamén postulados á distinción.
Unha das poucas categorías en que a maioría dá por certa a gañadora é a de Mellor Actriz. A irlandesa Jessie Buckley ten todas as papeletas polo seu traballo en Hamnet.