Publicador de contidos
Publicador de contidos

Recollen sinaturas contra os novos horarios de Renfe

Recollen sinaturas contra os novos horarios de Renfe

A media hora de adianto no primeiro tren de Vigo á Coruña enfada os usuarios

Renfe di que é temporal, pero os viaxeiros piden alternativas

Antón Montero 23/04/2024 19:28 Última actualización 23/04/2024 20:09

Desde o 8 de abril, coller o primeiro tren de Vigo a Coruña é un pouco máis duro. O que saía ás 6:35, faino agora ás 6:15.

"Teño que madrugar media hora máis todos os días", laméntase un viaxeiro. 

"Desde o un de xaneiro adiantáronnolo vinte e sete minutos. Empezaron sendo sete e agora outros vinte. Chegamos aquí ás sete e vinte para empezar a traballar ás oito, co cal tes aí corenta minutos perdidos", queixábase outro usuario.

RENFE xustifica os cambios polas obras na estación madrileña de Chamartín. Pero a esas horas da mañá, calquera modificación trae prexuízos imprevistos.

"Teño que conciliar a miña vida familiar. Antes podía levar os nenos ao Plan Madruga, coller o tren e vir a Santiago a traballar perfectamente. Máis aló de todo o que me implica estar aquí 40 minutos dando voltas antes da miña xornada laboral", explica unha muller.

"Sae de Vigo ás seis e cuarto da mañá e hai moitas zonas de Vigo onde non hai ningún bus urbano traballando. Esa xente quedou sen oportunidade de usar o tren" conta outro viaxeiro.

Este mércores presentaron 335 sinaturas para pedir que se volva ao horario vello ou se adopten outras alternativas.

"Se hai que facer cambios, que se incrementen as frecuencias, que haxa máis trens no horario de mañá", pedía un dos asinantes. "Hai medo de que este horario sexa o que quede habitualmente. Dous ou tres meses atúralo, todo o ano é complicado de aturar", dicía outra moza.

Tamén houbo cambios, aínda que de poucos minutos, no primeiro tren entre A Coruña e Ferrol e nun rexional entre O Carballiño e Ourense.

RENFE di que estes horarios só estarán vixentes ata xullo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade