Simulacro de accidente grave en Ferrol para concienciar das normas viarias
Uns 40 profesionais de emerxencias participaron nesta simulación, cun autobús implicado, feridos e mesmo un hospital de campaña
A I Semana da Seguridade Viaria da cidade busca sensibilizar e avaliar os recursos para facerlles fronte a sinistros graves
"Un vehículo que circula en sentido contrario, salta a mediana e impacta contra un autobús; ese autobús xira sobre si e bate con dous vehículos que veñen pola súa dereita. Como resultado do accidente haberá un vehículo totalmente bloqueado cuxos ocupantes non poden saír e teñen que ser liberados, outro vehículo incendiado e a partir de aí entran en xogo, a partir do 112, todos os grupos operativos".
Este pesadelo viviuse hoxe no centro de Ferrol. É o simulacro que describe o xefe da Policía Local, José Antonio Chao, e para o que se dispuxo un dispositivo de emerxencias formado polo 112, Policía Local e Nacional, Protección Civil, bombeiros e persoal de emerxencias sanitarias. Unhas 40 persoas para atender a grave situación en plena avenida de Esteiro.
Este exercicio forma parte da Primeira Semana da Seguridade Viaria que se celebra na cidade e que ten un dobre obxectivo: "Ver os nosos puntos fortes e débiles para mellorar neste tipo de intervencións se se producisen, e tamén visibilizar o papel que desenvolver as forzas de seguridade e emerxencias neste tipo de sinistros".
Porque unha imaxe, ás veces, vale máis que mil palabras, este tipo de simulacións teñen un gran valor para sensibilizar a poboación sobre a importancia de respectar as normas viarias. Nesta ocasión, por fortuna, o sinistro rematou sen vítimas.