Silleda cambia as luces de Nadal por adornos feitos por persoas con discapacidade
A medida do Concello xunta inclusión, reciclaxe e aforro enerxético en tempos de crise
Os usuarios do centro de COGAMI en Medelos fan a decoración con materiais de refugallo
Batas de papel, perchas ou palés terán unha segunda vida este Nadal en Silleda. Non haberá luces nas rúas, pero si estrelas, árbores e anxos feitos por todos os usuarios deste centro de día e terapia ocupacional.
"É un xeito de poñer en valor o seu traballo. A xente vai quedar sorprendida, teñen moitas capacidades, moitas habilidades e moitas veces non se teñen en conta", explica Iván García, o coordinador do centro de COGAMI en Medelos, na Bandeira.
Inclusión, reciclaxe e aforro eléctrico xúntanse nesta iniciativa que promove o Concello ante a crise enerxética actual.
"Non é tanto o que vaiamos aforrar de enerxía porque coas luces led a iluminación de Nadal tampouco consome moitísimo, pero queremos dar exemplo e unha imaxe ante a veciñanza, as institucións temos que dar o primeiro paso", di Manuel Cuíña Fernández, o alcalde de Silleda.
A nova colleu por sorpresa os veciños que atopamos polas rúas onde se instalarán os arcos coa nova decoración.
Tamén haberá algúns adornos nas 33 parroquias do concello e un concurso fotográfico para que a xente se anime a explorar este Nadal alternativo no centro de Galicia.