Publicador de contidos

Publicador de contidos

Uns 7.000 galegos perden o carné fitosanitario en plena campaña de tratamento dos cultivos

Uns 7.000 galegos perden o carné fitosanitario en plena campaña de tratamento dos cultivos

Preto de sete mil galegos perderon o carné de manipulación de produtos fitosanitarios pola fraude dos cursos impartidos na comarca do Bierzo

A metade dos afectados son da Coruña, pero hai casos nas catro provincias

A retirada dos carnés coincide en plena campaña de tratamento dos cultivos

G24.gal 26/05/2025 14:13

Desde o ano 2015, para mercar produtos fitosanitarios dos denominados de uso profesional, os que se empregan por exemplo para sulfatar as vides, é preciso ter un carné de aplicador-manipulador que se obtén mediante un curso dunhas 25 horas.

"Calquera sulfato, insecticida, funxicida... que exceda unha cantidade mínima, por riba de medio quilo", explica Sergio Rodríguez, vendedor de produtos fitosanitarios.

Os titulares figuran nun rexistro oficial do Ministerio de Agricultura, do que acaban de desaparecer os preto de sete mil galegos que obtiveron o carné nun curso no Bierzo declarado unha estafa en sentenza xudicial.

"A xente empezou a sabelo ao ir ás tendas de fitosanitarios e que o propio vendedor lle diga que non é válido o seu carné", asegura Carlos Basalo, responsable de Unións Agrarias na provincia de Ourense. 

Sergio Rodríguez, vendedor de produtos fitosanitarios: "Tiven carnés na man, co DNI acompañando, buscalo e que non apareza. Pero eu non llo podo vender. Teño que ter constancia de que ese carné existe".

Unións Agrarias alerta de que esta situación deixa desamparados moitos agricultores en plena campaña de primavera.

Carlos Basalo, responsable de Unións Agrarias na provincia de Ourense "En viñedo, en pataca, horta..., en todos estamos en plena campaña. Non nos podemos permitir unha situación deste calibre en Galicia: a xente ten que poder tratar os produtos, se non, non sacamos adiante as colleitas".

Desde a Consellería do Medio Rural anuncian que están reforzando a área de formación para axilizar a obtención do carné malia a que os afectados os conseguiran por canles non oficiais.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade