Medio Rural pide extremar a precaución en plena temporada de alto risco de incendios
María José Gómez asegura que o 75 % dos incendios que se rexistran en Galicia son causados intencionadamente
O 85 % do territorio galego está vixiado a través de 181 cámaras
Xa está operativo o PLADIGA, o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais posto en marcha pola Xunta o pasado 1 de xullo, que ten por obxectivo protexer o monte galego durante o verán. Sete mil efectivos vixían o noso territorio e conforman un dispositivo moi formado e recoñecido nacional e internacionalmente.
Asegurouno nunha entrevista no Bos días da TVG a conselleira do Medio Rural. María José Gómez explicou que a implantación de novas tecnoloxías permite ter monitorizado o 85 % do territorio galego a través de 181 cámaras de videovixilancia que velan pola seguridade dos nosos montes. Segundo explicou: "O 75 % dos incendios que se rexistran en Galicia son causados intencionadamente".
Por iso, María José Gómez pide extremar a precaución durante o verán e ter coidado nas tarefas diarias e habituais, que parecen non ter importancia, pero si que a teñen, como a queima de restroballo ou as grellas. Gómez insiste: "Cando se albisque un incendio, débese chamar ao 085".
Axudas para facilitar a remuda xeracional e a mobilidade de terras
A Xunta aposta pola formación para atraer mocidade ao medio rural e incrementar a súa produtividade. A consellería de Medio Rural puxo en marcha unha rede de centros de experimentación agraria situados en Guísamo, Becerreá, Sergude, Ribadeo, Monforte e Lourizán, que ofrecen a agricultores e gandeiros unha formación especializada agroalimentaria e permite aos profesionais adaptárense aos novos tempos e dárenlles valor engadido aos seus produtos.
Segundo a Xunta, Galicia é líder en remuda xeracional. O ano pasado, 320 mozos e 170 agricultores de máis de 40 anos incorporáronse á actividade agrogandeira na nosa comunidade autónoma.
O Goberno galego distribúe axudas para a mocidade por valor de 36 millóns de euros destinadas a facilitar a creación ou ampliación de negocios no eido rural. Son axudas de ata 320 mil euros por profesional. "Queremos axudalos non só coas subvencións senón tamén coa formación, porque nun mundo competititivo no que vivimos é esencial estar formados para ser competitivos".
Ademais, este mes de xullo a Xunta pon en marcha axudas a particulares para facilitar a mobilidade de terras e unha liña de crédito con xuros bonificados ao 0 % para os profesionais do agro. Un instrumento financeiro que busca, segundo María José Gómez, darlles liquidez ás explotacións que queren ampliar instalacións e facelas medioambientalmente máis sostibles.