Un convenio da Xunta habilitará 200 gasolineiras do rural para retirar cartos en efectivo
Poderán optar os concellos galegos con menos de 20.000 habitantes sen caixeiro
É unha medida que ten por obxectivo frear o despoboamento do rural
Galicia vai ser pioneira en España nunha medida que ten por obxectivo frear o despoboamento do rural: habilitar nas estacións de servizo terminais para poder retirar diñeiro en efectivo.
Esta medida vai implantarse de aquí a 2028 en 200 establecementos de concellos con menos de 20.000 habitantes. Dos 313 que hai en Galicia, 290 non superan ese limiar de poboación.
Nalgún concello galego conseguir cartos en efectivo era un verdadeiro problema. Isto vai quedar resolto co convenio que asinaron a Xunta, a Federación Galega de Estacións de Servizo e ABANCA. Nos concellos galegos con menos de 20.000 habitantes e nos que non haxa caixeiros, os cidadáns poderán sacar cartos en efectivo nas gasolineiras.
Abanca vai dotar as gasolineiras con terminais de puntos de venda, as coñecidas TPV, de última xeración. Os clientes da entidade, coa súa tarxeta, poderán retirar os cartos en efectivo, está pensado que sexan pequenas cantidades. Unha medida coa que se pretende facer fronte ao despoboamento no rural.
O convenio leva aparellado unhas axudas, ata 30.000 por beneficiario, para que as gasolineiras poidan modernizar os seus servizos.