A Xunta estende as medidas contra a dermatose nodular ata febreiro
Deste xeito, segue estando vixente o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes de explotacións localizadas fóra de Galicia -con destino a vida-, desde a data da súa incorporación á explotación de destino en Galicia
A totalidade dos animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de maneira cautelar durante o mesmo período de tempo
A Consellería do Medio Rural mantén as medidas de prevención fronte á dermatose nodular contaxiosa ata o 1 de febreiro de 2026 para protexer a cabana bovina galega, podendo ser prorrogadas segundo a evolución epidemiolóxica.
Segundo informa a Xunta, o Diario Oficial de Galicia publicará o vindeiro martes, 30 de decembro, a resolución pola que se dá continuidade a estas medidas, cuxa vixencia finalizaba o 31 deste mes.
Deste xeito, segue estando vixente o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes de explotacións localizadas fóra de Galicia -con destino a vida-, desde a data da súa incorporación á explotación de destino en Galicia.
A totalidade dos animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de maneira cautelar durante o mesmo período de tempo.
Esta inmobilización afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais. Así mesmo, segue sendo obrigatorio desinsectar todos os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia, tanto para vida como para sacrificio, e, neste último caso, manténdose a posibilidade da súa entrada sempre que sexan trasladados directamente a matadoiro.
Con todo, segue permitida a celebración de feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino en Galicia con finalidade comercial, con animais procedentes de explotacións galegas. No caso da celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións de gando bovino, deberá contarse coa autorización previa da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.
Doutra banda, a Consellería do Medio Rural lanza unha mensaxe de tranquilidade ao sector, dado que non hai constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e tampouco se transmite ás persoas.