Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta anuncia axudas por 36 millóns de euros para a remuda xeracional no rural

A Xunta anuncia axudas por 36 millóns de euros para a remuda xeracional no rural

A conselleira destacou as medidas como o Bono Activa Rural e as iniciativas de formación

Os grupos da oposición reprocharon que o ano pasado un 70 % das solicitudes quedaran fóra das axudas

O PSOE acusou a Xunta de facer que permanecer no rural resulte un "acto heroico"

 

G24.gal 24/06/2025 15:57

A Consellería do Medio Rural prevé publicar este mércores a convocatoria de axudas por 36 millóns de euros para a remuda xeracional no campo galego, coa incorporación de mozas e plans de mellora de explotacións no marco do Plan estratéxico da Política Agraria Común (Pepac).

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, confirmou a convocatoria destas axudas, xa anunciadas pola Xunta, nunha comparecencia a petición propia no pleno do Parlamento, na que destacou a incorporación de mocidade ao rural "como un dos piares" do seu departamento para garantir a substitución xeracional.

María José Gómez, conselleira do Medio Rural

En concreto, mobilizaranse 16 millóns de euros en axudas para a incorporación de agricultores novos e outros 14,5 millóns para mellora de explotacións agrarias, á parte de 5,5 millóns de euros para os plans de mellora non aprobados aos mozos que resultaron beneficiarios da convocatoria do ano pasado.

Gómez lembrou que máis de cinco mil mozos se incorporaron ao medio rural desde 2009 grazas a este tipo de axudas e apuntou outros plans postos en marcha pola Xunta, como o de titorización para acompañar a estes mozos durante os primeiros anos á fronte dunha explotación.

Os grupos da oposición reprocharon que o ano pasado un 70 % das solicitudes quedaron fóra das axudas e consideraron que a política da Xunta de remuda xeracional é "case nula", segundo afirmou a deputada socialista Lara Méndez, quen dixo que se "condena aos mozos para vivir dun soño" e que permanecer no rural sexa "un acto heroico".

Para o deputado do BNG Secundino Fernández, a conselleira o único que fixo foi "tirarse flores". Considera que a Xunta non ten perspectiva de remuda xeracional tendo en conta que nos próximos anos se van xubilar preto do 70 % de titulares das explotacións.

Tamén o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea dixo que bota en falta "unha promoción real do rural" porque parece que desde a Xunta hai unha "actitude paternalista e condescendente" máis que medidas efectivas.

A conselleira acusou á oposición, sobre todo ao BNG, de trasladar unha "imaxe negativa" cando a realidade é que "Galicia é unha potencia rural" e ten "un sector puxante e vivo, por moito que tenten negalo".

Durante a súa comparecencia, Gómez reclamou que a loita contra o lume "quede fóra do debate político", pero non se estendeu sobre o plan de prevención de incendios forestais posto en marcha ao comezo da época de maior risco no territorio galego.

Centrou a súa intervención noutras cuestións, como a importancia da formación, para o que a Xunta establecerá unha Rede de espazos de especialización e innovación agraria dentro dos seus centros de formación e experimentación agraria (CFEA), ou en medidas xa postas en marcha, como o Bono Activa Rural para os autónomos, sobre o que informou de que hai 36 solicitudes.

Ademais, avanzou que no próximo mes de xullo se convocarán novas liñas de axudas para o sector, como instrumento financeiro para darlle liquidez e unha nova orde para equipamentos comúns. Outra das medidas de Medio Rural é a creación dun centro integral de acollida de animais de granxa para os afectados por malos tratos ou abandono.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade