Publicador de contidos

Publicador de contidos

Serio aviso das intencións de Alcaraz na antesala de Wimbledon

Serio aviso das intencións de Alcaraz na antesala de Wimbledon

O murciano gaña o torneo de Queen's e suma 18 vitorias consecutivas

G24.gal 22/06/2025 23:20

"Ace, ace, ace e outro ace". Non era Isner ou Karlovic o que estaba sacando na final de Queen's. Era un Carlos Alcaraz que asinou ata dezaoito saques directos diante dun especialista en herba como Jiri Lehecka. Alcaraz gañou en Londres xusto antes de comezar Wimbledon, o torneo que ergueu nas dúas últimas edicións. 

Lehecka é un canoneiro que lembra a Tomas Berdych. Pero Alcaraz estivo espectacular co seu servizo. Gañou o 89% de primeiros e o 82% de segundos e non tivo que afrontar ningunha bola para que lle racharan o seu saque. O primeiro set decidiuse no undécimo xogo. Cando parecía que se encamiñaban ao tie break Alcaraz sacou o mellor tenis e conseguiu levalo por 7-5.

No segundo set os dous xogadores foron conservando o seu saque ata chegaren á morte súpeta. Alcaraz encadeou unha serie de puntos maxistrais pero Lehecka tamén tiña cousas que dicir no partido e forzou o terceiro set cun 7-6 (7-5). 

Nese set extra Alcaraz bateu o seu mellor rexistro de saques directos e acabou de esculpir o título. Non houbo sustos ao final. Dúas roturas do saque de Lehecka e un resultado claro de 6-2 para darlle continuidade a un bo momento que xa dura dous meses. Derrotar a Lehecka supón chegar a Wimbledon máis preparado que os seus rivais. Sinner perdeu na segunda rolda de Halle e Djokovic só xogou unha exhibición antes de afrontar o terceiro Grand Slam do ano. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade