Sergas e radiólogos de Vigo acordan poñer fin á folga iniciada hai un mes
Segundo os portavoces dos traballadores, alcanzouse un pacto coa área sanitaria de Vigo que contempla a implementación gradual da figura do terceiro radiólogo de garda
Imaxe de arquivo dunha das concentracións no Álvaro Cunqueiro (O'Mega-Europa Press)
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) e radiólogos de Vigo alcanzaron este xoves un acordo para poñer fin á folga indefinida que comezou o pasado 6 de outubro.
Tal como indicou a Europa Press a portavoz dos profesionais, Elena Chavarri, o pacto contempla a implementación gradual dun terceiro profesional de garda de presenza física.
Esta medida aplicarase de forma graduada para adaptarse ao aumento da actividade asistencial. Así, a partir do 1 de decembro, este reforzo estará operativo tres días por semana e, posteriormente, iranse incrementando as xornadas.
"Chegamos a un acordo de fin de folga, que contempla a implementación gradual da figura do terceiro radiólogo de garda. Este avance responde ao aumento sostido da actividade asistencial, impulsado polo envellecemento da poboación, a ampliación dos programas de cribado e o papel cada vez máis relevante da imaxe no diagnóstico", explicou Chavarri.
Todo iso despois de que radiólogos de Vigo comezasen unha folga indefinida hai xa un mes para solicitar un reforzo nas quendas de garda. Tras varias semanas de negociacións, finalmente desbloqueouse a situación.
En canto a como avaliou o persoal este acordo, Chavarri dixo que están "contentos" e que continúan "unidos" tras un mes de paro.
Pola súa banda, a xerencia da área Sanitaria de Vigo reivindicou o "importante esforzo organizativo" que se realizará para poder desenvolver este acordo, debido á "falta de especialistas en radioloxía".
En concreto, o pacto implica un terceiro radiólogo de garda os luns, os martes e os venres, ata o 14 de novembro de 2026. No resto de días da semana manteranse dous profesionais de garda presencial como ata o de agora.
Desde o 15 de novembro de 2026 haberá tres persoas de garda de luns a venres e, un ano despois, esta quenda estenderase tamén ás fins de semana.
"O documento asinado tamén inclúe un terceiro radiólogo de garda física os días en que non haxa apoio dun residente de terceiro ou cuarto ano, ata que se alcance o número de tres radiólogos de garda presentes fisicamente todos os días da semana", apuntou o Sergas nun comunicado.