Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sen lentes homologadas non hai eclipse segura

Sen lentes homologadas non hai eclipse segura

Ópticos, oftalmólogos e autoridades insisten en utilizar lentes certificadas con norma ISO 12312-2

Expertos advirten de que unha exposición sen protección pode provocar lesións irreversibles na retina

Europa Press-Arquivo Europa Press-Arquivo
G24.gal 07/08/2026 10:41

Faltan poucos días para a eclipse total do 12 de agosto e os expertos coinciden nunha mensaxe: a única forma segura de observar o Sol é empregando lentes homologadas para eclipses. Especialistas en oftalmoloxía, ópticos e autoridades lembran que mirar directamente ao Sol sen protección adecuada pode provocar queimaduras na retina e unha perda permanente da visión. 

Un dano que pode ser irreversible

Os especialistas advirten de que o ollo humano actúa como unha lupa capaz de concentrar a enerxía solar sobre a retina ata provovcar auténticas queimaduras. O risco engádese porque a retina non ten receptores da dor, polo que a persoa pode estar sufrindo unha lesión sen notar ningunha molestia nese momento. 

As consecuencias poden aparecer horas despois da observación e manifestarse con visión borrosa, unha mancha no centro do campo visual, alteración na percepción das cores ou deformación das liñas rectas. Os expertos lembran que, en exposicións prolongadas, os danos poden ser permanentes e provocar unha perda irreversible da visión central. 

Só serven as lentes homologadas 

A única protección segura son as lentes específicas para eclipses que cumpran a norma internacional ISO 12312-2:2015, contén co marcado CE e coa correspondente declaración da conformidade. 

Ópticos e Consumo recomendan adquirilas en ópticas, tendas especializadas ou distribuidores recomendados por entidades científicas para evitar falsificacións ou produtos que non cumpran os estándares de seguridade. 

Antes de utilizalas tamén convén comprobar que non estean raiadas, perforadas, deformadas ou deterioradas, xa que un pequeno defecto pode permitir o paso da radiación solar. 

As lentes de sol non son unha alterativa 

Os profesionais insisten en que as lentes de sol convencionais non protexen fronte á radiación solar durante unha eclipse, por moi escuras que sexan. 

Tampouco deben empregarse métodos caseiros como radiografías, cristais afumados, discos compactos, filtros superpostos ou dúas lentes de sol colocadas unha sobre outra, xa que ningún destes sistemas evita os danos na retina. 

Sempre postas durante a observación 

Outra das recomendacións é colocar as lentes antes de mirar ao Sol e mantelas postas durante toda a observación.

Os expertos explican que a máxima ocultación pode crear unha falsa sensación de seguridade, pero a radiación continúa sendo perigosa. Por iso, insisten en non retiralas mentres se mire directamente ao Sol. 

Aínda que durante a fase da totalidade é posible observar a eclipse a simple vista, lembran que ese momento dura apenas uns segundos e que en canto aparece o primeiro destello do Sol hai que volver poñer as lentes inmediatamente para evitar lesións. 

Especial atención aos menores e persoas dependentes

Os ópticos tamén recomendan supervisar en todo momento os nenos e as persoas dependentes durante a observación, xa que poden retirar as lentes por curiosidade ou utilizalas de forma incorrecta sen ser conscientes do risco. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade