Seis rostros coñecidos lánzanse á Vía da Prata para atraer xente nova ao Camiño de Santiago
A Xunta repite por segundo ano o programa Influencers no Camiño
Entre os seis suman máis de tres millóns e medio de seguidores nas redes sociais
Este mércores iniciaban en Ourense a peregrinaxe pola Vía da Prata os seis persoeiros de Instagramers no Camiño. Por diante teñen cinco etapas, cinco xornadas en que van promover a ruta. En cada unha delas irán colgando nas súas redes sociais as experiencias que están vivindo para poder compartilas con todos os seus seguidores.
A actriz Cristina Castaño, os cantantes Luis Cepeda e Roi Méndez, dúas influencers e o cómico Xurxo Carreño xa están a facer a primeira das cinco etapas. Percorrerán 100 quilómetros e irán difundindo nos seus perfís fotos, vídeos e opinións sobre a experiencia.
A actriz Cristina Castaño di que o que pretende con esta viaxe é "gozar Galicia camiñándoa, coñecéndoa un pouco máis, respirándoa. E transmitir á xente o que o Camiño ten que contar, ser a transmisora do que o Camiño ten para achegar ao mundo".
Para a maioría deles non é a primeira vez, e aseguran que a peregrinación é compatible coa redes sociais. "Queda un recordo marabilloso e se podemos compartir coa xente esta experiencia e a vez gozala, non hai nada mellor", afirma Tamara García Romero, 'instagramer'.
A iniciativa, que se repite por segundo ano, pretende promover a Vía da Prata ou Camiño Mozárabe, a máis tranquila, segundo o guía que os acompaña, Rafa Moscoso. "Talvez sexa unha das menos practicadas, entón aínda ten esa frescura de non ter masificación", di.
Os seis participantes suman 3,6 millóns de seguidores nas distintas redes, polo que a Xunta agarda que as súas publicacións teñan un impacto importante especialmente entre a mocidade.