Acepta oito anos de cárcere por matar a seu pai dun disparo na cabeza en Guntín
O home, que recoñeceu os feitos nunha vista de conformidade, deberá estar outros cincos anos en liberdade vixiada
O parricida non poderá portar armas durante outros dez anos
O home que ía ser xulgado este mércores na Audiencia Provincial de Lugo por asasinar a seu pai dun disparo na cabeza efectuado cunha escopeta de caza, no municipio lucense de Guntín, recoñeceu os feitos nunha vista de conformidade e aceptou unha pena de oito anos de prisión.
A defensa do acusado e o Ministerio Fiscal chegaron, por tanto, a un acordo, de modo que o procesado recoñeceu os feitos na vista oral e aceptou unha condena de oito anos de prisión, outros cinco de liberdade vixiada unha vez cumprida a pena privativa de liberdade e a prohibición durante outros dez de ter ou portar armas.
No seu escrito de acusación, o ministerio público recoñece que o acusado ten antecedentes persoais de trastorno afectivo e estaba diagnosticado no momento dos feitos dun episodio depresivo moderado/grave sen síntomas psicóticos.
Segundo o fiscal, o estado anímico do acusado puido influír parcialmente nas súas capacidades superiores intelectiva e volitiva no momento dos feitos, pero non afectou de forma absoluta á execución destes, de modo que mantivo a acusación por un delito de asasinato con aleivosía, aínda que recoñeceu unha circunstancia eximente incompleta que permitiu rebaixar a pena.
Tanto a esposa da vítima como as súas dúas outras fillas renunciaron expresamente á indemnización que puidese corresponderlles.
Sobre as 14:15 horas, a vítima, que tiña 76 anos, dispoñíase a saír da vivenda familiar, cando o acusado se achegou por detrás e, sen mediar palabra, lle disparou un tiro na cabeza cunha escopeta de caza que estaba en perfecto estado de uso e funcionamento e para a cal o acusado tiña a oportuna licenza.
Este home estaba privado de liberdade desde o 14 de xaneiro de 2024.